Libraría

Intemperiadas #05 con Verónica Vicente: «[sen título]»

A quinta e última proposta do «Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias» acollerá o traballo da fotógrafa Verónica Vicente. A invervención, que leva por nome «[sen título]», terá lugar o próximo sábado 18 de setembro ás 13:30h. Esta actividade está comisariada por Charo Lopes e apoiada pola Deputación da Coruña.

«Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias» é un proxecto comisariado por Charo Lopes para a Libraría NUMAX que conta co apoio da Deputación da Coruña. Ten como alicerce activar a pegada de Xela Arias: a sororidade instintiva, a desobediencia frente un equilibrio inxusto, a creatividade e a experimentación coa palabra son a base para que novas artistas dialoguen hoxe coa poeta falecida en 2003. Este é o punto de partida. O desafío? Transformar o estímulo literario da autora homenaxeada este ano coa celebración do Dia das Letras Galegas en outra cousa. A partir da poesía, desenvolver cadansúa obra-homenaxe, tendo como escenario privilexiado o propio espazo da libraría. Para isto contaremos con cinco artistas diferentes, en cinco citas entre abril e outubro, que desenvolverán unha parte do seu proceso creativo no espazo da libraría, en horario de apertura ao público. Un happening a acontecer entre a bibliografia básica e complementaria dos andeis de NUMAX, para desenvolver cinco disciplinas diferentes: a fotografía, a música, a ilustración, o téxtil e a cerámica.

Na última actividade do ciclo Intemperiadas, que terá lugar na mañá do sábado 18 de setembro, intervirá a fotógrafa e performer Verónica Vicente. A súa proposta dará comezo ás 12:00 horas con acceso libre dentro das limitacións de aforo da Libraría. Máis tarde, ás 13:30h, a artista conversará coa comisaria da actividade, Charo Lopes. Para asistir a esta segunda parte da actividade é necesario reservar praza previamente no correo [email protected]. A conversa será retransmitida en directo a través das nosas páxinas de Facebook e Instagram (@numaxcoop).

A autora
Verónica Vicente (Tomiño, 1988) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2010) con Máster Internacional de Fotografía Conceptual e Artística da escola EFTI (2011) e Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela (2012). No 2011 recibiu a bolsa Novos Valores da Deputación de Pontevedra e en 2016 a bolsa Formarte de fotografía do Ministerio de Cultura. Gañou numerosos premios como o concurso Internacional de Fotografía de Escultura (2013) convocado polo Museo Nacional de Escultura, e participou no Festival Internacional de Videoarte FIVAC de Cuba e no Athens Digital Arts Festival. Obra súa foi adquirida polo CGAC, o Centre d'Art La Panera ou a Bienal de Arte de Cerveira, entre outros. 

«[sen título]»
Camiñando entre a fotografía, o vídeo e a performance Verónica Vicente propón unha intervención que convertirá a NUMAX nunha librería chea de páxinas anónimas. Unha libraría sen identidade(s), sen manifestos, sen historias e sen crítica, en definitiva, un espazo neutralizado, sen linguaxe e sen voz. Verónica Vicente recorre á estratexia de ocultar para pór o foco no que non vemos: facer desaparecer as capas, os títulos e o nome dos e das autoras co fin de darlle voz e presenza, pondo en valor a complexidade e diversidade da comunicación libre.

#intemperiadas
En paralelo aos encontros do ciclo, e coa intención de democratizar a creación e abrir liñas de participación social, de forma segura, abrimos unha proposta en paralelo: mediante o uso do hashtag #intemperiadas convidamos a que todas as persoas que o desexen publiquen nas redes sociais a súa creación persoal de homenaxe a Xela Arias. Deste xeito, calquera usuaria de Instagram, Twitter ou Facebook pode publicar de forma aberta a súa creación, contribuíndo a divulgar a pegada da obra da autora homenaxeada este ano coa celebración das Letras Galegas. Fotografías, ilustracións, collages, textos… A participación e o formato é libre. No fin do ciclo realizarase unha selección de entre todas os contidos compartidos, con que se fará unha exposición de peche da actividade. A exposición será física, coas impresións en pequeno formato no espazo da libraría, no modo de literatura de cordel, e permanecerá unha semana exposta.

Descarga aquí o pasquín da actividade.