Libraría

Intemperiadas #03 con Paula Pereira: «galope corazón»

A terceira cita do ciclo «Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias» chega o próximo sábado 17 de xullo ás 13:30h coa ceramista Paula Pereira coa intervención que leva por título «galope corazón». Esta actividade está comisariada por Charo Lopes e apoiada pola Deputación da Coruña.

«Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias» é un proxecto comisariado por Charo Lopes para a Libraría NUMAX que conta co apoio da Deputación da Coruña. Ten como alicerce activar a pegada de Xela Arias: a sororidade instintiva, a desobediencia frente un equilibrio inxusto, a creatividade e a experimentación coa palabra son a base para que novas artistas dialoguen hoxe coa poeta falecida en 2003. Este é o punto de partida. O desafío? Transformar o estímulo literario da autora homenaxeada este ano coa celebración do Dia das Letras Galegas en outra cousa. A partir da poesía, desenvolver cadansúa obra-homenaxe, tendo como escenario privilexiado o propio espazo da libraría. Para isto contaremos con cinco artistas diferentes, en cinco citas entre abril e outubro, que desenvolverán unha parte do seu proceso creativo no espazo da libraría, en horario de apertura ao público. Un happening a acontecer entre a bibliografia básica e complementaria dos andeis de Numax, para desenvolver cinco disciplinas diferentes: a fotografía, a música, a ilustración, o téxtil e a cerámica.

A terceira proposta do ciclo Intemperiadas terá lugar na mañá do sábado 17 de xullo coa creación de Paula Pereira (Cavalinho do demo). A súa intervención dará comezo ás 12:00 horas con acceso libre dentro das limitacións de aforo da Libraría. Máis tarde, ás 13:30h, a artista e ceramista conversará coa comisaria da actividade, Charo Lopes. Para asistir a esta segunda parte da actividade é necesario reservar praza previamente no correo [email protected]. A conversa será retransmitida en directo a través das nosas páxinas de Facebook e Instagram (@numaxcoop).

A autora
Paula Pereira (Soutomaior, 1986) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2010) e especializouse como ceramista no Taller Sur, na faculdade de Belas Artes da Universidade de Vigo e no obradoiro Alén das olas de Marín (2019). No seu traballo ten explorado diversas técnicas, da pintura á fotografía e o audiovisual. Foi seleccionada na modalidade de fotografía no Novos Valores da Deputación de Pontevedra no 2010 e en escultura no 2018. Participou en exposicións colectivas en diferentes espazos pola xeografía galega e internacional. Pezas súas son entregadas nos premios de Poesía e Xornalismo Manuel Lueiro Rei e Xohán Carballeira, no Poio en Escena e nos María Casares de teatro, entre outros. Ilustrou o libro Xandra a landra que quería voar de Urco editora, e durante os anos 2012 e 2014 sostivo o espazo artístico A formiga no carreiro, en Pontevedra.

Como ceramista, asina coa marca Cavalinho do demo, un proxecto en que a natureza é estructurante, onde introduce a mitoloxía, mistura personaxes entre o animal e o humano, e experimenta entre o realismo máxico e formas tradicionais da cultura plástica de tradición galega.

«galope corazón»
Paula Pereira xunta dúas palabras que rompen a gramática -como tamén fai Xela Arias- abrindo a novas e múltiples lecturas a combinación galope corazón. A súa é unha proposta escultórica, composta por unha peza de cerámica circular elaborada coa técnica do “belisco” -un tipo de modelado primitivo realizado cos pulgares-. Unha peza que a artista decorará finalmente na Libraría recuperando uns dos leitmotiv da homenaxeada este ano coas Letras Galegas, os animais e, en particular, os cabalos, na expresión dun dos seus movementos, o galope. A través da pintura que decorará a cerámica, representa unha tigresa, un abrazo, dúas femias conectadas, ligándonos co salvaxe, coa desobediencia. O galope do corazón das mamíferas correndo xuntas sincronízase nesta obra, de volume esférico, que combina forza e delicadeza.

#intemperiadas
En paralelo aos encontros do ciclo, e coa intención de democratizar a creación e abrir liñas de participación social, de forma segura, abrimos unha proposta en paralelo: mediante o uso do hashtag #intemperiadas convidamos a que todas as persoas que o desexen publiquen nas redes sociais a súa creación persoal de homenaxe a Xela Arias. Deste xeito, calquera usuaria de Instagram, Twitter ou Facebook pode publicar de forma aberta a súa creación, contribuíndo a divulgar a pegada da obra da autora homenaxeada este ano coa celebración das Letras Galegas. Fotografías, ilustracións, collages, textos… A participación e o formato é libre. No fin do ciclo realizarase unha selección de entre todas os contidos compartidos, con que se fará unha exposición de peche da actividade. A exposición será física, coas impresións en pequeno formato no espazo da libraría, no modo de literatura de cordel, e permanecerá unha semana exposta.

Descarga aquí o pasquín da actividade.