A libraría NUMAX presenta a actividade PAPEL E PRATA
Este mes de abril arranca a actividade, PAPEL E PRATA, un ciclo de catro encontros e un EXTRA pensado arredor dos cruzamentos entre palabra e imaxe e deseñado, coordinado e desenvolto pola área de Libraría de NUMAX. Esta actividade traerá ao noso espazo a profesionais do cinema, da escrita e da divulgación como Berta Dávila, Álvaro Gago, Bea Lema, Alberto Vázquez, Inés García, Paula Ducay, Alejandro Gándara Porteiro, Luis López Carrasco, María Sánchez, Ismael Ramos, Antón Blanco e Nee Barros. Esta actividade está subvencionada pola Deputación da Coruña.
Catro liñas forman un rectángulo, e dentro del colle o mundo. Sobre os rectángulos de papel, ese mundo –ou, vaia, eses mundos– ten sido contado durante séculos con palabras e cos outros elementos que teñen acollido os libros. Sobre os rectángulos de prata –os do nitrato de prata utilizado para filmar as películas e os das silver screens sobre as que se proxectaban– contouse o mundo con imaxes. Así, aínda que o papel e a prata sexan ben diferentes en brillo, dureza e demais –como o son a arte vella que é a literatura e a arte nova que é o cinema– non deixan de ser máis ou menos o mesmo: materias ameazadas pola obsolescencia e a desaparición que seguen movéndose e servindo para o acto máxico de meter un mundo entre catro liñas que é a creación artística. Sobre esas semellanzas, que están na base do proxecto de NUMAX desde que abriu hai dez anos como cine e libraría, construímos a proposta de PAPEL E PRATA, un ciclo de encontros pensado arredor dos cruzamentos entre palabra e imaxe e deseñado, coordinado e desenvolto pola nosa área de Libraría.
Cales son eses cruzamentos? Entre todas as posibilidades decidimos centrarnos en catro liñas, igual que os rectángulos dos que falabamos. Así, a primeira é a dos oficios da escrita: a través da experiencia conxunta da escritora Berta Dávila e o cineasta Álvaro Gago no desenvolvemento do guión para o filme Porto Alegre, abordaremos os puntos en común, as diferenzas e os descubrimentos no traballo de escribir cando se fai para o papel e cando se fai para a pantalla.
A segunda liña de PAPEL E PRATA fala de debuxos animados no sentido literal, e reúne dúas formas esquecidas a miúdo nas que pensar a escrita e a creación audiovisual, como son a banda deseñada e a animación. Bea Lema e Alberto Vázquez, figuras clave da ilustración e o cinema recentes, conversarán sobre a súa experiencia á hora de convertir novelas gráficas da súa autoría como O corpo de Cristo e Psiconautas en filmes.
A terceira é a do acontecemento íntimo: sexa na escuridade da sala ou coa mirada posta nunha folla, a nosa relación cos filmes e os libros que nos emocionan é a dun acontecemento íntimo, que nos atravesa –como sucede cos grandes feitos cotiáns da nosa vida, do amor e a amizade á enfermidade– tanto ás persoas como ás películas e novelas. Sobre esta relación falarán as divulgadoras e creadoras do podcast Punzadas Sonoras, Paula Ducay e Inés García.
A cuarta liña, a que pecha o rectángulo, fala sobre agarrar o pasado: tanto a literatura como moi especialmente o cine serven para acceder ao tempo que xa non está, (re)escribilo, (re)montalo e (re)pensalo para afrontar criticamente o presente. Sobre esta premisa, reunimos a Luis López Carrasco e Alejandro Gándara Porteiro, cineastas que en filmes como El año del descubrimiento e 360 curvas teñen agarrado o pasado recente e o arquivo desde o pensamento político e o compromiso.
EXTRA
Estas catro liñas que dan pé aos encontros complementaranse con EXTRA, un contido audiovisual ao xeito dos bonus das edicións de filmes que retoma a primeira liña desde outra perspectiva. Nos procesos de escritura hai moitos elementos que permanecen fóra dos ollos de quen le. Ao longo de anos de presentacións na libraría temos escoitado ideas que permean o texto, influencias non explícitas, propostas descartadas e, en moitos casos, imaxes que marcan, valga a redundancia, o imaxinario dun libro. A miúdo esas imaxes veñen do cinema, e da experiencia espectadora de quen escribe. Neste EXTRA queremos facer visibles esas imaxes preguntando pola súa presenza nos procesos creativos ás persoas detrás dalgúns dos libros que máis nos interesaron nos últimos anos, como María Sánchez, Ismael Ramos, Antón Blanco e Nee Barros, aparecerán nunha serie de vídeos para redes explicando os filmes e as imaxes cinematográficas que se filtraron nos seus imaxinarios literarios ao escribir narrativa, poesía ou ensaio: as cintas escollidas son O sétimo continente (Michael Haneke), Slow (Marija Kavtaradze), Os espigadores e a espigadora (Agnès Varda) e O meu Idaho privado (Gus Van Sant).

- Mércores
- Ver máis
-
-
Espellos nº 3
VOSE
-
-
-
Un poeta
VO
-