Cinema

Arranca o ciclo Petís NUMAX: Contos de verán

Este verán no noso ciclo Petís NUMAX temos preparada unha programación especial con filmes´que levan á gran pantalla contos clásicos como Os tres mosqueteiros, A bela e a besta, Pinocho ou os Revolting Rhymes Roald Dahl n'A rebelión dos contos entre outros.

O programa Petís NUMAX: Contos de verán procura maneiras diferentes ao longo da historia do cinema de narrar contos clásicos desde diferentes linguaxes e tradicións. Arrancaremos c'Os tres mosqueteiros de Max Linder, un xenio da comedia silente e referente confeso de Charles Chaplin. Seguiralle A bela e a besta de Jean Cocteau, filme de abrumadora beleza creador dunha atmosfera onírica única. O mes de agosto arranca coa singular versión de Pinocho dirixida por Matteo Garrone e interpretada por Roberto Begnini á que seguirá A rebelión dos contos, adaptación do best-seller de Roald Dahl, Revolting Rhymes, que ofrece unha revisión moderna e politicamente incorrecta de clásicos da literatura infantil.

Remataremos con dúas alfaias da animación contemporánea. Por primeiro A canción do mar, do prestixioso estudio irlandés de animación
Cartoon Saloon para rematar coa fermosísima O conto da princesa Kahuya, dun dos mestres do anime, o nipón Isao Takahata.

As pezas están dirixidas tanto á cativada como a persoas adultas, motivo polo cal cada filme terá un primeiro pase dobrado (en sábado) e un segundo en orixinal subtitulado (en domingo).

Sábado 20 e domingo 21 de xullo
Os tres mosqueteiros (Max Linder, 1922, 58 min)
Francia, século XVII. Un mozo e valeroso gascón vai a París coa esperanza de ingresar no corpo dos mosqueteiros do Rei. A vontade e a destreza do aspirante, xunto aos azares do destino, farano asumir a defensa da honra da Raíña Ana de Austria, esposa do rei Luis XIII (1610-1643). Ao tempo, o mozo espadachín namora de Constance, a dama de compañía da Raíña. Adaptación da célebre novela homónima de Alexandre Dumas.

Sábado 27 e domingo 28 de xullo
A bela e a besta (Jean Cocteau, 1946, 90 min)
Érase unha vez un mercader arruinado que vivía co seu  fillo Ludovic e as súas tres fillas. Dúas delas, Felicie e Adelaide, son seres egoístas que explotan a súa irmá pequena Bela. Un día, o pai pérdese no bosque e chega ata un castelo. Alí atopa unha fermosa rosa e decide collela para Bela, entón aparece o señor do castelo que lle impoñerá un duro castigo pola súa ousadía. Filme baseado na obra homónima La Belle et la Bête da escritora Jeanne-Marie Leprince de Beaumont.

Sábado 3 e domingo 4 de agosto
Pinocho (Matteo Garrone, 2019, 125 min)
Adaptación da clásica historia do boneco de madeira chamado Pinocho, que desexa ser un neno de carne e óso.Filme baseada na obra homónima do escritor italiano Carlo Collodi.

Sábado 10 e domingo 11 de agosto
A rebelión dos contos (Jakob Schuh, Jan Lachauer, 2016, 58 min)
Adaptación do best-seller de Roald Dahl, Revolting Rhymes, que ofrece unha revisión moderna e politicamente incorrecta de clásicos da literatura infantil, un filme irreverente para nenos e nenas espertas e intelixentes.

Sábado 17 e domingo 18 de agosto
A canción do mar (Tomm Moore, 2014, 90 min)
Ben e Saoirse viven nun faro na parte máis alta dunha pequena illa canda ao seu pai o cal, para protexelos dos perigos do mar, envíaos a vivir coa súa avoa á cidade. Alí Ben descobre que súa irmá pequena é unha Selkie, unha fada do mar, unha nena foca que coa súa canción pode liberar aos seres máxicos dos sortilexios que lles fixo a Bruxa dos mouchos.

Sábado 24 e domingo 25 de agosto
O conto da princesa Kaguya (Isao Takahata, 2013, 137')
A historia comeza cando unha parella de anciáns campesiños atopa unha nena moi pequena dentro dunha planta de bambú e decide adoptala como se fose a súa filla. Convertida axiña nunha fermosa muller, é pretendida por moitos homes, incluído o emperador, pero ela rexéitaos a todos porque asegura vir da Lúa e debe volver alí... Baseado nun conto popular xaponés anónimo do século IX, O cortador de bambú.