Libraría

Bieito Alonso presenta «Anarquistas galegos en América»

O mércores 12 de febreiro ás 20:30 a Libraría NUMAX acolle a presentación de Anarquistas galegos en América de Bieito Alonso. Acompañando ao autor estará o profesor Lourenzo Fernández Prieto, autor do limiar do libro.

Bieito Alonso naceu en Ourense en 1958. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario, na actualidade exerce no Lycée International de Saint-Germain- -en-Laye (Francia). É autor dun número importante de obras, entre as que destacan: Breve historia do nacionalismo galego, O exilio de Castelao, Obreiros alén mar. Mariñeiros, fogoneiros e anarquistas galegos en New York, A Nosa Terra, xornalismo e nacionalismo político, así como unha manchea de traballos en obras de carácter colectivo e artigos en revistas especializadas. Este libro é o primeiro seu en Editorial Galaxia.

Anarquistas galegos en América descóbrenos o descoñecido do pasado e achéganos pasados descoñecidos. Afeitos como estamos en Galicia a camiñar sempre polos mesmos estreitos carreiros marcados polos devanceiros, cunha máis que marcada tendencia filolóxica, a obra de Alonso tráenos a frescura dun coñecemento historiográfico anovador e sobre un tema que por máis visitado e revisitado non deixa de ser un pozo sen fondo.

(Do limiar de Lourenzo Fernández Prieto).