Apertura de inscricións a «Sala aberta: Formas experimentais da escoita», taller creativo co artista e cineasta Berio Molina
Presentámosvos Sala Aberta, unha nova actividade formativa do Cinema NUMAX consistente nun taller creativo sobre as formas experimentais da escoita co artista e cineasta Berio Molina. O taller terá lugar nas mañás do 3, 5, 7, 10 e 12 de xullo na sala de cinema.
Achégate ás formas experimentais da escoita! A primeira edición do taller creativo Sala Aberta ten como protagonista o artista e cineasta da Fonsagrada Berio Molina, con quen exploraremos outras maneiras de aproximarnos ao feito sonoro a través de referentes coma os sons psibertonais de Maryanne Amacher, ou as propiedades da resonancia en Jean-Luc Nancy. Veremos como o sinxelo xesto de pechar os ollos na escoita provocou unha cadea de rupturas estéticas que van desde a tea acusmática de Pitágoras ata o Motomami World Tour de Rosalía, pasando polo Manifesto Comunista de Marx e as dislocacións alfabéticas do autotune.
No taller exploraranse maneiras de recoller sons de lugares estraños coma debaixo da auga, a superficie dos corpos ou en campos electromagnéticos; aportacións acústicas da paisaxe sonora, centrándonos en artistas como Hildegard Westerkamp ou Jonáš Gruska; aproximacións cara á voz e as fisuras que vai provocando na linguaxe a medida que se separa dela, na procura dunha autonomía sonora.
Durante estes encontros iremos creando pezas propias, de maneira individual ou colectiva, e debatindo arredor delas. Ao remate serán expostas na sala de cinema nunha sesión final aberta ao público.
Dinámica e metodoloxía do taller
Sala Aberta ten unha vocación fundamentalmente práctica, de maneira que cada participante traballará co seu propio material e o docente fará de guía e estimulante para a busca de inspiracións e ideas. Dedicaremos unha parte de cada sesión a ver e comentar o avance dos proxectos das compañeiras, fomentando o diálogo, a crítica constructiva e o debate grupal como forma de aprendizaxe.
O obradoiro ten como destinatarias a todas aquelas persoas interesadas polo feito sonoro e as rupturas coa linguaxe. Será preciso contar cunhas nocións básicas en programas de edición de imaxe e son. Recoméndase contar cos seguintes materiais para a elaboración das pezas: gravadora de son, micrófonos, ordenador portátil, software de edición de imaxe e son, cámara de vídeo.
Horarios e inscrición
O taller, cunha duración total de 20 horas, desenvolverase en horario de mañá, de 10:30h a 14:30h, os días 3, 5, 7, 10 e 12 de xullo nas instalacións do Cinema NUMAX. Ao remate do taller celebrarase unha sesión aberta ao público para mostrar as pezas realizadas. O custe da matrícula é de 110€, cun 10% de desconto para abonadas de NUMAX. A realización da actividade está suxeita a un mínimo de persoas inscritas.
A inscrición está xa aberta! Tes até o 28 de xuño para inscribirte mediante un correo electrónico a [email protected]. No asunto do correo debe figurar: "Sala aberta + Nome e apelidos".
O profesor
Berio Molina (A Fonsagrada, 1979) é artista e cineasta. Os seus traballos indagan as relacións entre a diverxencia, a linguaxe e a escoita. No 2019 estrea a súa primeira longametraxe 7 Limbos (xunto a Alexandre Cancelo) na X Mostra de Cinema Periférico (S8). Os seus traballos foron presentados en festivais internacionais como: Festival Márgenes de Madrid, Istambul International Experimental Film Festival, FIVA de Arxentina, LEM de Barcelona, ZEMOS98 de Sevilla e en centros de arte como CGAC, MARCO, La Casa Encendida ou Laboral. Tras licenciarse en Belas Artes en Pontevedra, realiza o Máster en arte dixital da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona e o Máster en Computer Graphic Design da Rochester Institute of Technology de Nova York gracias a unha beca da Fundación Pedro Barrié de la Maza. Desde 1999 interesouse pola creación colectiva sendo membro do grupo de performances Flexo, do colectivo de estudos aurais escoitar.org e do colectivo de arte e acción libre alg-a. Compaxina a súa actividade artística coa investigación na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde desenvolve a súa tese doutoral sobre a escrita acusmática no contexto da xeración postalfa. Como parte deste proceso de investigación publicou no 2017 o libro Setras froito do Premio especial do xurado do Puchi Award concedido por La Casa Encendida. Máis información en beriomolina.com // @lausela
- Hoxe
- Ver máis
-
-
As margaridas
VOSE