O cineasta arxentino Ramiro Sonzini presenta «La noche está marchándose ya»
O vindeiro venres 9 de outubro teremos o luxo de contar coa presenza do cineasta cordobés Ramiro Sonzini que vai ofrecer presentación e coloquio de La noche está marchándose ya, unha emocionante homenaxe á cinefilia e o cineclubismo en tempos de precariedade. O filme, codirixido xunto a Ezequiel Salinas, chega a NUMAX tras un exitoso percorrido en festivais, con premios na SEMINCI, DocLisboa, Valdivia ou Jeonju entre outros certames.
O protagonista de La noche está marchándose ya é Pelu, un mozo que tras perder o seu traballo como proxeccionista dun cineclub, acepta quedar como garda da sala municipal. Alí comeza a recrutar desherdados das rúas de Córdoba (Arxentina) cos que comparte soños, desexos e preocupacións á luz das películas de Frank Borzage, Yasujiro Ozu, Robert Bresson ou Leo McCarey. La noche está marchándose ya parte da idea do cinema como refuxio comunitario e ten como pano de fondo a crise económica e política da sociedade arxentina tras a chegada de Milei ao goberno.
«A través de películas clásicas, camaradería e pequenos actos de rebeldía, esta película cordobesa constrúe unha fábula humanista sobre a solidariedade, a arte e a resistencia fronte a crise» (Diego Lerer)
Ramiro Sonzini e Ezequiel Salinas

Cineastas arxentinos nacidos en Córdoba en 1989 e 1985, respectivamente. Ramiro Sonzini é realizador, montador e crítico de cinema. Fundador da revista La vida útil e da Semana Mundial da Cinefilia, en 2010 dirixiu a curtametraxe Escuela. Ezequiel Salinas formouse no Cineclub La Quimera e na Universidade Nacional de Córdoba. Iniciou a súa traxectoria como director de fotografía en varias longametraxes, e en 2012 recibiu o Premio Argentores ao mellor guión documental por Yatasto (Hermes Paralluelo, 2011). En 2019 debutou como director coa curta Suquía, á que seguiu en 2021 Mi última aventura, codirixida xunto a Ramiro Sonzini, Espiga de Prata na Seminci e mellor película da competencia internacional en Bafici. La noche está marchándose ya é a primeira longametraxe de ambos e tivo a súa estrea mundial en FICValdivia e en España na SEMINCI de Valladolid 2025, onde gañou o premio a Mellor Dirección.