Libraría

Vídeo resumo da conferencia performativa de Alejandra Pombo, «A importancia de ser iceberg»

Alejandra Pombo pechaba a primeira sesión dos Discursos en acción, o noso ciclo de conferencias performativas. Co apoio da Área de Cultura da Deputación de A Coruña e comisariado por Performa, a Libraría NUMAX organizaba esta actividade para que cada artista convidado construíse unha proposta para acontecer no intre preciso da cita e do lugar proposto como escenario: a sala do Cinema NUMAX. Todos os vídeos resumos estarán dispoñíbeis na nosa canle de Youtube.

Alejandra Pombo foi a última artista da primeira xornada dos Discursos en acción. A súa conferencia performativa, baixo o lema «A importancia de ser iceberg», presentábase con este poema:

As cousas que posúo ás veces posúenme a min.
Púxenme nerviosa e saíronme foguetes do peito.
Que me van facer?
Sácome un ollo, métomo dentro e sigo sentindo o baleiro.
Estaba heavy.
Comíame os farois.
Cando deixas a pel recórdame que non haberá perfección.
Cando un chicle perde o seu sabor, en que se converte?

Alejandra Pombo móvese no linde entre a performance, o traballo videográfico, a escritura ou a escultura. Na súa obra, o importante é o modo no que se enfronta ao traballo. A súa obra é complexa en canto á presenza continua da omisión e a elipse na súa procura dunha nova narrativa emocional.

 

Licenciada en Artes Visuais pola Facultade de Belas Artes de Madrid e Máster en Artes Dixitais da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, recentemente finalizou a súa tese doutoral sobre os paradoxos da introdución da noción de performance na arte. Participou en importantes proxectos como a edición 2017 do festival Escenas do Cambio dirixido por Pablo Fidalgo na Cidade da Cultura de Galicia; What is Thirdna Casa Encendida (2015) dirixida por María Jerez; Primer Proforma (MUSAC, 2010), dirixido polos artistas Txomin Badiola, J. Mikel Euba e Sergio Prego; e Mugatxoan (2009), na Laboral, na Fundação Serralves e Arteleku. Tamén realizou residencias en I-Park Foundation (Connecticut, EE.UU.), Atlantic Center for the Arts (Florida, EE.UU.), PACT-Zollverein (Essen, Alemaña), La Casa Encendida, o CA2M e o Ranchito en Matadero Madrid, entre outras.

Podes consultar aquí o itinerario libresco da artista para esta acción.