Libraría

Vídeo resumo da conferencia performativa de Xisela Franco, «O meu é teu pero o teu non é meu»

Xisela Franco pechaba o ciclo Discursos en acción o pasado 22 de agosto. Dentro desta actividade organizada pola Libraría NUMAX, comisariada por Performa e co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, a cineasta de Vigo presentaba un proxecto de carácter reflexivo á vez que experiencia de cinema en directo. En «O meu é teu pero o teu non é meu», Franco exploraba "desde o meu actual estado de confusión", segundo ela mesma explicaba, conceptos da filosofía recorrentes na súa vida.
 

Dividida en tres actos, a conferencia performativa de Xisela Franco xiraba ao redor de capítulos-proposicións con títulos como "Simulacros do real", "Medo e liberdade", "Precariedade e sistema", "Patoloxías da tecnocracia e a saúde", "Unha nova identidade", "A miña maternidade é un espello", "O acto creador", "A desesperanza como utopía" e "Eu, muller e animal".

No pasquín da súa intervención, Xisela Franco contabános: "Aproveito este formato que recae na palabra para compartir de forma impúdica esta persoal madeixa de imaxes autobiográficas e pensamentos contradictorios despregando a miña vida como acción visual poética e reflexiva. Razón, linguaxe e poesía". Esta conferencia performativa, da que agora vos ofrecemos un resumo e entrevista coa artista, contou coa colaboración do artista Roi Fernández a cargo da creación e a manipulación audiovisual en directo.

Lembramos neste vídeo resumo a súa intervención, apoiada nunha entrevista á cineasta e neste enlace o itinerario bibliográfico que nos deixou para afondar no seu universo creativo.

 

Xisela Franco é cineasta e investigadora con ampla traxectoria no documental experimental, sempre indagando novos camiños que cuestionen a identidade do cinema para redefinilo. Licenciada en Comunicación Audiovisual e posteriormente en Filosofía na UEM de Madrid, cidade na que funda a súa produtora Epojé Films coa que realiza documentais para TVE ou Canal Historia, ao tempo que películas con vocación artística. Coa súa obra Aadat (2004, co-dirixida con Noé Rodríguez) recibe entre outros, o galardón Ciudad de Madrid al Mejor Documental Español no Festival Documenta Madrid, ou o Premio a Mejor Obra de Videoarte de Vitoria Gasteiz. Entre 2006 a 2010 trasládase a Canadá, becada pola Fundación Caixa Galicia de Estudos de Postgrado e cursa un MFA en York University. No Departamento de Cinema de York tamén imparte clases de Film Art. En 2010 regresa a España e dirixe a serie de 13 documentais para TVG As Raíces da Industria Galega así como outros documentais de carácter social ou histórico, vertente que combina con traballos máis persoais ou experimentais. En 2015 gaña o premio de Producción ARTISTAS 2015 do Marco de Vigo e en 2016 dirixe o proxecto Cinema e Muller. O seu traballo máis artístico ten sido seleccionado en festivais internacionais e recibe premios en festivais como Curtocircuíto ou Cinemística en Granada. Ten exposto en espazos da arte contemporánea como a Fundación Luis Seoane, Cidade da Cultura, Auditorio de Galicia, ou na Casa das Artes e no MARCO de Vigo. Actualmente é profesora asociada na Facultade de Belas Artes da UVigo e colabora con diversos festivais de cinema da escena galega comisariando ciclos con perspectiva de xénero ou organizando mesas redondas ou talleres e remata a súa tese doutoral sobre a intersección cinema-arte contemporáneo en Galicia, dirixida pola cineasta Margarita Ledo e a artista Mar Caldas.