Os ollos verdes

Les yeux verts, “os ollos verdes”, é o título dunha compilación de imaxes e textos propios que Marguerite Duras reuniu en xuño de 1980, cando Cahiers du cinéma a convidou a coordinar un número especial. No Cinema NUMAX, Os ollos verdes é o nome da sección que estreará aqueles filmes que traballan por anovar e reformular as maneiras de ver e contar e que non atopan adoito un espazo nas carteleiras. O cinema baixo o que Marguerite Duras enunciaba o seu “nós”:

“Facer cinema”

En literatura non podemos dicir: "preciso 220 millóns de francos para acabar o meu libro". Se o libro non chega a escribirse, mesmo nas peores condicións, é que non debera existir. Se existe a necesidade de facelo, o libro farase, mesmo nas condicións máis desgrazadas. Os pretextos para non escribir, que falta o tempo, que non se dá feito, etc., case nunca son certos. Nos cineastas esa necesidade non existe da mesma forma. Eles procuran temas. Esa tamén é unha diferenza decisiva. Procuran historias. Propóñenselles, ora novelas, ora guións, escritos por profesionais. Decote. Valoran estas propostas, polo miúdo: tres crimes, un cancro, un romance, máis este ou estoutro actor. Resultado: 700.000 espectadores. O total pásase ao computador. Faise o filme. Resultado: 600.000 espectadores. Un fracaso.

Os cineastas de éxito e grandes cifras [quantitatifs] que teñen éxito masivo, 25 salas, millón e medio de espectadores, posúen unha estraña nostalxia polo noso cinema, o que nunca se atreveron a facer, o que non vén validado polos beneficios, o do fracaso das grandes cifras, unha sala, dez mil entradas. Quererían, ao tempo, estar no noso lugar, reemprazarnos sen deixar de facer o que fan, collernos eses dez mil espectadores, coma se puideran. E nós, baixo ningún concepto os queremos reemprazar, e ademais tampouco saberiamos como facelo. Igual que canda o primeiro espectador, existimos canda eles, o noso dereito como cidadáns é equivalente ao deles. De igual maneira, xa que somos o emblema do fracaso comercial, os estudantes fan máis teses sobre nós que sobre eles, e en ocasións, mesmo algunhas publicacións chegan así a saber que existimos. Malia os esforzos da prensa cotiá por nos ignorar, seguimos facendo filmes. Iso non o pode aturar o cinema das grandes cifras. E en canto a nós, sempre o esquecemos.

(...)

Lembro que Raymond Queneau dicía que en Francia non había máis ca algúns lectores, dous ou tres mil lectores concretos que decidían a sorte dun libro, e na medida que eses lectores -os máis difíciles de todos- retiveran ou non determinados títulos, estes terían sitio ou non na literatura francesa. Que se non chegabamos a eses lectores, non chegariamos, por moito público que tiveramos, a ninguén. No cinema podemos falar de 10.000 espectadores que fan os filmes e que, contra vento e marea, os poñen nos cinemas ou os botan fóra. Este grupo de 2.000 a 10.000 espectadores, a meirande parte dos cineastas de grandes cifras non o teñen nunca. Poderán ter dous millóns de espectadores, mais neses dez millóns non estarán estes dous ou dez mil espectadores.