Os ollos verdes

Les yeux verts, “os ollos verdes”, é o título dunha compilación de imaxes e textos propios que Marguerite Duras reuniu en xuño de 1980, cando Cahiers du cinéma a convidou a coordinar un número especial. 

No Cinema NUMAX, Os ollos verdes é o nome da sección que estrea aqueles filmes que traballan por anovar, por  reformular as maneiras de ver e contar, aqueles que non adoitan atopar  un espazo nas carteleiras. O cinema baixo o que Marguerite Duras enunciaba o seu “nós”:

“Facer cinema”

Os cineastas de éxito e grandes cifras [quantitatifs] que teñen éxito masivo, 25 salas, millón e medio de espectadores, posúen unha estraña nostalxia polo noso cinema, o que nunca se atreveron a facer, o que non vén validado polos beneficios, o do fracaso das grandes cifras, unha sala, dez mil entradas. Quererían, ao tempo, estar no noso lugar, reemprazarnos sen deixar de facer o que fan, collernos eses dez mil espectadores, coma se puideran. E nós, baixo ningún concepto os queremos reemprazar, e ademais tampouco saberiamos como facelo. Igual que canda o primeiro espectador, existimos canda eles, o noso dereito como cidadáns é equivalente ao deles. De igual maneira, xa que somos o emblema do fracaso comercial, os estudantes fan máis teses sobre nós que sobre eles, e en ocasións, mesmo algunhas publicacións chegan así a saber que existimos. Malia os esforzos da prensa cotiá por nos ignorar, seguimos facendo filmes. Iso non o pode aturar o cinema das grandes cifras. E en canto a nós, sempre o esquecemos.


Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX é levado a cabo en  colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que concederá 1 crédito ECTS de 25 horas a todo aquel alumnado que asista a un mínimo de 12 proxeccións durante o curso académico.Tras o visionado dos filmes, haberá que elaborar un texto específico cunha extensión mínima de 5.000 caracteres (espazos incluídos)  que teña relación con calquera aspecto do programa (sobre un filme ou cineasta en particular, un texto que abranga o programa completo de maneira máis informativa, un texto de creación libre a partir dalgunha referencia extraída da programación, algún achegamento analítico, etc.)

  • Podes recoller a túa tarxeta de Os ollos verdes de forma presencial no noso local.
  • As entradas dos filmes para as persoas inscritas terán unha tarifa única de 4€, calquera día da semana e a calquera hora.
  • Se precisas máis información, escríbenos a [email protected]