Horarios: Lunes a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 y de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

P. Lorenzo, Fran

Cabalos e lobos

Vigo. Setembro de 1972. Paula acaba de atravesar unha cidade tomada pola policía franquista e colapsada pola folga. Na súa casa, no alto do edificio de Gran Vía nº 2, agárdaa unha revelación. Ten quince anos e acaba de decatarse de que non coñece a súa nai, a herdeira dunha influente estirpe de empresarios alemáns asentados no porto vigués a finais da I Guerra Mundial. O que ela descobre esa tarde é o primeiro segredo dunha rede de mentiras e silencios que, xa no presente, se verá obrigada a destecer para o seu fillo. Nese relato achará as claves de quen é a súa familia. Un colar de rubís, unha carta sen resposta, un país bombardeado, trens que parten cara ao frío e, sobre todo e contra todo, o amor prohibido que unirá de por vida o seu tío Álvaro co inquietante Bruno.
Cabalos e lobos, a primeira e magnífica novela do xornalista Fran P. Lorenzo, é o retrato íntimo da historia dun século marcado pola guerra, o totalitarismo e a barbarie. Unha fotografía, con Vigo ao fondo, do combate individual que os seus protagonistas libran por aquilo que desexan, nese preciso lugar en que a cidade se funde cos seus soños.
  • Editorial: Xerais |
  • Año: 2015 |
  • Páginas: 192 |
  • Dimensiones: 145x220 |
  • Idioma: Gallego |
  • ISBN: 978-84-9914-836-6 |