Cinema

Fon Cortizo presenta «9 fugas» en NUMAX

O cineasta e guionista vigués Fon Cortizo visita NUMAX o luns 14 de marzo para facer presentación e coloquio de 9 fugas, incluída na programación d'Os ollos verdes. Xa podes reservar a túa entrada.

9 fugas chega á pantalla grande tras una exitos paso por festivais, gañando o premio ao Mellor filme na sección "Retueyos" do Festival de Xixón onde acadou o parabén da crítica especializada: «Unha longametraxe fascinante de principio a fin. Un orixinalísimo musical que agasalla unha harmoniosa sinfonía de sons inesperados» (Cineuropa).

O filme relata nove historias, case todas protagonizadas por mulleres que buscan unha saída e que o director entretece a través da música e o movemento. A música do filme correu a cargo da Orquestra Fugaz de Improvisación ao son da que se move o elenco formado por
María Roja, Olga Cameselle, Lola Quirós, Alfredo Rodríguez, Paco Barreiro, Areto Bolado, Ailén Kendelman, Marta Pérez, Helena Varela.

Un filme absorbente e cativador que se poderá gozar en NUMAX en pase único o luns 14 de abril ás 19:35 horas, con presentación e coloquio a cargo do director e para o que xa se pode reservar entrada.

Sinopse
Unha orquestra improvisa. A súa música ten o poder de evocar historias, de revelar pantasmas do pasado. A sinfonía recupera a historia dunha traballadora portuaria que loita contra o silencio nun océano sen memoria.
Nove fugas. Nove historias en busca dunha saída. A enfermidade, o esquecemento, nunha dimensión individual e social nunha realidade palindrómica.

O director
Fon Cortizo (Vigo, 1978) é un guionista e cineasta que se estrea na longametraxe con 9 fugas. Graduado en Comunicación Audiovisual, comezou a traballar como cámara de televisión. Desde 2007 desenvolveu proxectos para televisión como director de fotografía, realizador e director. Entre os seus traballos como director destacan o documental Contrafacer, estreado en Visions du Réel en 2015, e a curta Aysha estreada no Play-Doc en 2017 e premiada a mellor curtametraxe galega e mellor guión no Curtocircuíto.