Libraría

A Aldea Desmedida #01 con Encarna Otero e Beatriz Busto: «A cidade lembrada: voces na construción da memoria urbana»

Beatriz Busto e Encarna Otero inaugurarán a nova actividade de NUMAX, «A aldea desmedida», o vindeiro xoves 11 de abril ás 20:30h, cunha conversa sobre «A cidade lembrada: voces na construción da memoria urbana». Esta actividade está comisariada por Maos Innovación Social e subvencionada pola Deputación da Coruña.

As compostelás Encarna Otero e Beatriz Busto farannos partícipes dun diálogo ao redor da construción da memoria da cidade desde diferentes perspectivas. Pasando polo cinema ou a literatura, atravesando o NO-DO ou a televisión, detectaremos determinados estereotipos que configuran e delimitan a (re)presentación actual de Compostela, e, por tanto, de nós. Como historiadora, Encarna Otero, investiga e divulga memorias esquecidas ou minorizadas, en títulos como Mulleres en Compostela. Elas Tamén contaron ou iniciativas como Compostela, Territorio das Mulleres. Pola súa parte, Beatriz Busto, docente e investigadora da Rede Galabra, analiza no seu libro Um país a la gallega a elaboración dunha narrativa estereotipada de Galiza durante a ditadura franquista. Nesta conversa, ambas debullarán lembranzas propias que ligarán con pensamentos, lecturas e propostas para (re)presentar o pasado que configura este noso presente.

Encarna Otero Cepeda (Santiago de Compostela, 1950). Historiadora e escritora, foi tamén profesora de ensino secundario e bacharelato, formou parte da corporación do Concello de Santiago de Compostela polo BNG de 1991 a 2003 e foi directora xeral na Consellería de Vivenda da Xunta de Galicia (2005-09). Centra os seus estudos na historia contemporánea desde unha perspectiva de xénero. Participou no deseño do programa Compostela, Territorio das Mulleres e ten colaborado e colabora en publicacións como A Nosa Terra, O Ensino, Andaina ou Festa da Palabra Silenciada. Tamén é autora de diversas biografías do Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, para alén de escribir numerosos artigos e estudos académicos da pegada da muller na historia. Autora de ensaio e libros de literatura xuvenil, a súa obra máis recente é Mulleres en Compostela. Elas Tamén contaron. Mantén ademais o podcast Paseando por Compostela con mulleres.

Beatriz Busto Miramontes (Santiago de Compostela, 1979) é Mestra Especialista en Educación Musical pola Universidade de Vigo (2003), Licenciada en Historia e Ciencias da Música (2006) e en Antropoloxía Social e Cultural (2008) pola Universidade Autónoma de Madrid. Doutorouse en Antropoloxía Social e Cultural pola mesma universidade cunha tese doutoral titulada La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981). É autora do libro Um pais a la gallega. Galiza no NO-DO franquista (2021, Através Editora, Premio Follas Novas do Libro Galego 2022 na categoría de Ensaio e Investigación). Tamén é autora do libro Pandereteiras de Mens (2021, aCentral Folque, 1º premio na categoría de Investigación na XIII Edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC).  É profesora de Antropoloxía Social na Facultade de Filosofía da USC, investigadora da Rede Galabra e do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX).