Arranca a actividade «A aldea desmedida»
NUMAX propón para este 2024 «A aldea desmedida», unha actividade que se desenvolve a través de catro encontros, nos que conversar sobre Santiago de Compostela, vendo exemplos de (re)construción da memoria e estereotipos sobre a mesma, así como dando pistas de posíbeis futuros. Esta actividade está comisariada por Maos Innovación Social e subvencionada pola Deputación da Coruña.
Compostela, a aldea máis grande de Galiza, segundo Otero Pedrayo, esa cidade aldeá, segundo María do Cebreiro, avanza polo século XXI asediada por un turismo que nos allea e expulsa da zona vella, polo problema da vivenda e por outros tantos retos comúns ao noso tempo. Nós, como xenes dese organismo mutante, somos quen de parar e repensar esta aldea desmedida?
Entre os meses de abril a setembro de 2024 desenvolveranse catro encontros para repensarmos a cidade. Olladas dispares que nos axuden a coñecer e entender o lugar que habitamos. Falaremos de memoria, de identidade, de sustentabilidade, de estruturas de poder, de xénero, de participación... Conversas que terán como fío condutor citas de diferentes lecturas, propostas polas persoas que participan en cada encontro e que buscan crear diferentes narrativas ao redor da cidade.
Acompañarannos a antropóloga Beatriz Busto e a historiadora Encarna Otero para falar da reconstrución da memoria; Jorge Guitián e Claudia Polo, divulgadoras gastronómicas, achegarannos á alimentación a través do consumo responsable; as olladas da guía turística María Otero e da arquitecta María Novas mostrarannos a cidade desde a perspectiva de xénero; e o investigador transdisciplinar Fran Quiroga e o urbanista Iago Carro, cunha mirada sobre a participación cidadá para a construción das cidades no século XXI. A entrada para asistir a estas catro conversas será libre até completar aforo.
Beatriz Busto e Encarna Otero
«A cidade lembrada: voces na construción da memoria urbana»
11 de abril de 2024 ás 20.30h
As compostelás Encarna Otero e Beatriz Busto farannos partícipes dun diálogo ao redor da construción da memoria da cidade desde diferentes perspectivas. Pasando polo cinema ou a literatura, atravesando o NO-DO ou a televisión, detectaremos determinados estereotipos que configuran e delimitan a (re)presentación actual de Compostela, e, por tanto, de nós.
Jorge Guitián e Claudia Polo
«A cidade comida: nutrirse en tempos de cemento»
23 de maio de 2024 ás 20.30h
Ninguén escapa ao “acto de comer”. A necesidade de nutrirse ou o simple desexo de degustar alimentos non entende de norte-sur global, non entende de xénero nin clase social, por iso “comer” fala do máis intrínseco da nosa humanidade, mesmo da nosa animalidade. As divulgadoras gastronómicas Jorge Guitián e Claudia Polo conversarán neste encontro sobre a posíbel aliaxe entre gastronomía e o consumo responsábel no marco dunha urbe como Santiago de Compostela coa capacidade revolucionaria e transformadora que reside na alimentación como pano de fondo.
María Otero Romaní e María Novas
«A cidade (de)construída: estruturas arquitectónicas e estruturas de poder»
11 de xullo de 2024 ás 20.30h
Este encontro propón unha mirada á historia de Compostela para abrir novas perspectivas e ampliar os límites da nosa memoria. Nesta conversa, entre a guía María Otero Romaní e a arquitecta María Novas deconstruirán e reconstruirán a cidade que habitamos desde unha perspectiva de xénero, onde as mulleres saen á conquista do espazo público, do que estiveron historicamente relegadas.
Fran Quiroga e Iago Carro
«A cidade que pode ser: participación e asociacionismo na imaxinación do futuro»
A cidade é un espazo de contínua tensión entre o público e o privado, o individual e o colectivo, as administracións e a sociedade civil. Pero pode ser tamén un lugar de converxencia e convivencias destas polaridades? Podemos a cidadanía decidir que modelos de gobernanza queremos? Para escudriñar entre estas preguntas, contaremos con Fran Quiroga, investigador transdisciplinar que abordará os cruzamentos entre o activismo, a arte, a participación social e os comúns, e Iago Carro, arquitecto e investigador urbano de Ergosfera, cooperativa dedicada ao desenvolvemento de propostas urbanísticas e estudos sobre as formas de uso e urbanización do territorio contemporáneo.
Maos Innovación Social é unha empresa de economía social comprometida coa cultura de proximidade como medio de transformación social. Traballan desde a profesionalidade, o saber facer e a creatividade. As súas áreas de especialización son a etnografía, a xestión cultural, a comunicación, a edición e o deseño gráfico.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
A substancia
VOSE
-
-
Joker: Folie à Deux
VOSE