A Aldea Desmedida #03 con María Otero Romaní e María Novas: «A cidade (de)construída: estruturas arquitectónicas e estruturas de poder»
Continúa a actividade «A aldea desmedida» coa conversa entre a guía turística María Otero Romaní e a arquitecta María Novas, que terá lugar o xoves 11 de xullo ás 20:30h na Libraría NUMAX. Nesta ocasión a temática sobre a que dialogarán será «A cidade (de)construída: estruturas arquitectónicas e estruturas de poder». Esta actividade está comisariada por Maos Innovación Social e subvencionada pola Deputación da Coruña.
A miúdo, a nosa experiencia das cidades non é plenamente consciente. Sexa vivindo nelas ou visitándoas, é doado esquecer que o xeito no que se configura o espazo urbano está marcado por unha organización patriarcal da sociedade que se prolonga desde os inicios da historia. Desde os propios nomes das rúas á ubicación no ámbito público dos oficios feminizados, calquera vila constrúese deixando marcas de desigualdades pasadas e presentes. Neste encontro, Marta Otero Romaní e María Novas abordarán as pegadas desas estruturas de poder nas estruturas arquitectónicas de Santiago, e farano desde as achegas do urbanismo feminista, coa intención de que o pensamento da cidade do futuro sexa consciente dos sistemas de dominio presentes na súa historia.
María Otero Romaní estudou Historia da Arte e Turismo e, logo dun tempo vivindo en Nova York, volveu a Galicia, onde traballa como guía turística desde o ano 2015. Un labor que desenvolve baixo a proposta Destino Noroeste, unha axencia de viaxes que creou despois da pandemia e que está especializada na realización de visitas guiadas que introducen a perspectiva de xénero e do urbanismo feminista. desde a súa empresa, impulsa roteiros que poñen no centro a mirada feminina sobre a historia de Santiago, no que realiza un percorrido pola cidade da man das mulleres que a habitaron: desde a lenda do Apóstolo á Compostela Medieval, desde as mulleres campesiñas ás aristócratas, ou desde a súa representación na arte á vida diaria.
María Novas é doutoranda no programa de arquitectura da Universidade de Sevilla e investigadora convidada na Universidade Tecnolóxica de Delft. Está titulada en Investigación Aplicada en Estudos Feministas e Rexeneración Urbana. Participou tamén en investigacións independentes e proxectos colaborativos internacionais. Colabora con organismos públicos en proxectos que tratan de incorporar o ollo crítico do feminismo nos territorios e sistemas de coñecemento. En 2021 publicou coa Editorial Melusina o libro Arquitectura y género, un pequeno ensaio no que se pon en valor a necesidade de reescribir a historia da arquitectura colocando no lugar que lle corresponde ás arquitectas mulleres que foron silenciadas e que tiveron o seu papel á hora de construír e deseñar espazos desde unha mirada antipatriarcal. É unha da impulsoras do proxecto Dexenero iniciado en 2012 xunto a Sofía Paleo e Lucía Escrigas que ten como obxectivo achegar a perspectiva de xénero á arquitectura e, en última instancia, á sociedade.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Oh, Canada
VOSG
-
-
Parthenope
VOSE