Cinema

Encontro A cor das palabras con Arantza Santesteban, directora de «918 Gau»

O último encontro do ano do ciclo A cor das palabras, que organizamos co Concello de Santiago, ten como convidada a directora navarra Arantza Santesteban cuxa aula «A dúbida como lugar político: o proceso de elaboración de 918 Gau» terá lugar o domingo 2 de outubro ás 11:30.

O 4 de outubro de 2007, Arantza Santesteban é detida e levada a prisión onde permanece 918 noites pechada. Cos recordos fragmentados desta experiencia e a desubicación persoal e política experimentada ao recuperar a vida fóra dos muros da prisión, Santesteban crea 918 Gau, unha das obras máis complexas e profundas do cinema político contemporáneo no Estado español. Co gallo da estrea en salas, o venres 30 de setembro, de 918 Gau, en NUMAX temos preparado un amplo programa de actividades arredor do filme ao que concedemos o Premio Latexos do Festival Novos Cinemas de Pontevedra xunto a outras salas independentes en 2021.

O encontro A cor das palabras que Santesteban manterá o domingo 2 de outubro ás 11:30 co público da sala ten por título A dúbida como lugar político: o proceso de elaboración de 918 Gau e está encabezado por esta presentación que nos envía a propia directora: "As narrativas militantes herdadas do S.XX construíron a meirande parte dos seus relatos en termos absolutos e a miúdo dicotómicos abandonando a posibilidade de reivindicar como un espazo de gran potencial político conceptos como a dúbida, a ambigüidade ou a contradición. É posible abrazar un lugar político afrontando estes procesos? Pódese pensar a praxe política como un lugar que en ocasións atravesa a dúbida, a incerteza ou o desencanto? A través da análise do proceso de construción do filme 918 Gau abordaremos estas cuestións."

Como sabedes, os encontros A cor das palabras teñen acceso gratuíto até completar aforo se ben recomendamos reservar praza no correo [email protected]. Ademais do encontro, a visita da directora vasca terá outras citas ineludibles na mesma fin de semana. Velaquí o programa completo:

Venres 30 - 20:00
Presentación e coloquio de 918 Gau coa directora

Sábado 1 - 17:45
Presentación a cargo de Arantza Santesteban dos filmes La marche des femmes à Hendaye e Les mères espagnoles, de Carole Roussopoulos e Ioana Wieder.

Sábado 1 - 22:00
Presentación e coloquio de 918 Gau coa directora

Domingo 2 - 11:30
Encontro «A cor das palabras»

A directora
Arantza Santesteban (Pamplona, 1979) é cineasta, historiadora e investigadora na Universidade de Lisboa. Comezou a súa actividade como directora en 2012 con varias curtas entre as que destaca Euritan, seleccionada no Catálogo de Kimuak en 2017. Ese mesmo ano foi seleccionada polo Centro Huarte de Arte Contemporánea para desenvolver unha investigación e comisariar o seminario: "Imaxes a través: reflexións sobre imaxes en conflitos". Un ano máis tarde foi seleccionada en Ikusmira Berriak, un programa de residencia internacional Organizado polo Festival de San Sebastián, Tabakalera e a Escola de Cine Elías Querejeta onde arranca o proxecto que había culminar en 918 Gau, a súa primeira longametraxe, premiada a Mellor Filme no festival DocLisboa 2021. Na actualidade remata a tese doutoral na Facultade de Belas Artes de Lisboa arredor da relación das narrativas cinematográficas e a representación do suxeito politizado no marco do conflito político vasco.