Cinema

O cineasta experimental canadense Bruce Elder, terceiro convidado da aula «A cor das palabras»

A terceira entrega da aula «A cor das palabras» fará posíbel o encontro do público de NUMAX cun autor fundamental da escena experimental do Canadá. Referímonos a Bruce Elder (1947), que nos visitará o luns 29 de maio ás 18:00 para manter na sala unha conversa con Francisco Algarín, investigador e fundador da Revista Lumière, coorganizadora do evento. Lembramos que «A cor das palabras» é un ciclo do Concello de Santiago de Compostela que está a achegar ao Cinema NUMAX a importantes cineastas do panorama contemporáneo.

Pouco coñecido no noso país, o cineasta e crítico canadense Bruce Elder é todo un mito do cinema experimental e de vangarda do seu país. Para presentalo nada mellor que citar ao gran Jonas Mekas quen o describiu como «o máis importante cineasta de vangarda norteamericano dos anos 80». A súa obra arranca cun monumental ciclo, duns 20 filmes de diferentes duracións, titulado The Book of All Dead (1975-1994), inspirado na Divina Comedia de Dante, e nos Cantares de Ezra Pound. Neste ciclo de filmes, do que poderán verse importantes capítulos na carteleira de NUMAX na mesma semana da aula, Elder investiga as relacións entre filosofía, tecnoloxía, ciencia, espiritualidade e corpo humano. Actualmente Elder atópase inmerso noutro gran ciclo de películas, iniciado en 1997, titulado The Book of Praise.

Bruce Elder é ademais un destacadísimo crítico e historiador, entre os seus libros destacan Image and Identity: Reflections on Canadian Film and Culture (1989), The Body in Film (1989), A Body of Vision: Representations of the Body in Recent Film and Poetry (1997), The Films of Stan Brakhage in the American Tradition of Ezra Pound, Gertrude Stein and Charles Olson (1999) e Harmony and Dissent: Film and Avant-garde Art Movements in the Early Twentieth Century (2009).

A participación de Elder no ciclo «A cor das palabras» leva por título A cor da electricidade e nela manterá unha conversa co xornalista, investigador e fundador da Revista Lumière Francisco Algarín Navarro. Na aula, que contará con tradución ao galego, estarán tamén presentes o cineasta experimental Stephen Broomer, responsábel da restauración e dixitalización en alta resolución do cinema de Elder, e Kathryn Elder, colaboradora de moitos dos filmes que serán proxectados, profesora e autora, entre outros textos, do único libro que publicado sobre Jack Chambers.

Reserva de praza

Ao igual que sucedeu coas anteriores entregas do ciclo do Concello de Santiago de Compostela, «A cor das palabras», a asistencia á mesma é gratuíta, podendo reservar praza a través do correo electrónico [email protected], no que deberedes indicar nome completo e número de contacto.

Foco Bruce Elder

Para acompañar axeitadamente a aula de Bruce Elder, incluiremos na carteleira de NUMAX tres sesións nas que poderedes gozar dalgunhas das obras máis importantes do cineasta canadense. O Foco Bruce Elder conta, ao igual cá propia aula, coa colaboración da Revista Lumière e componse de tres sesións distribuidas como segue:

Programa 1 — Domingo 28 de maio | 15:45: Breath/Light/Birth, The Art of Worldly Wisdom, 1857 (Fool’s Gold) *Presentación e coloquio con Francisco Algarín

Programa 2 — Luns 29 de maio | 20:00: Sweet Love Remembered, Permutations and Combinations, Look! We Have Come Through, Barbara is a Vision of Loveliness, She is Away, Trace, Infunde Lumen Cordibus. *Presentación e coloquio con Bruce Elder

Programa 3 — Martes 30 de maio | 21:25: Illuminated Texts