Cinema

Encontro A cor das palabras con Sonia García López

Estreamos o curso cunha nova convidada no ciclo A cor das palabras que organiza o Concello de Santiago en colaboración con NUMAX. O domingo 12 de setembro ás 11:30, a investigadora e historiadora do cinema Sonia García López ofrecerá o encontro «Quen teme o lobo feroz? A Escola Oficial de Cinematografía e a censura».

Na súa visita a NUMAX a profesora da Universidade Carlos III de Madrid, Sonia García López, explorará as relacións entre a Escola Oficial de Cinematografía (EOC) e a censura cinematográfica durante a ditadura franquista. Fundada en 1947, a Escola Oficial de Cinema foi, durante a maior parte dos seus case 30 anos de vida, un oasis no que se vía, ensinaba e facía un tipo de cinema impensable nas pantallas españolas. Porén, durante os últimos anos da ditadura, os estudantes da Escola víronse sometidos a un acoso que rematou por truncar a carreira profesional de moitos deles. Partindo da investigación orixinal sobre documentos de arquivo, guións cinematográficos e expedientes de censura, García López botará luz sobre unha parte da historia do noso cinema practicamente inexplorada.

O encontro A cor das palabras, titulado Quen teme o lobo feroz? A Escola Oficial de Cinematografía e a censura está organizado polo Concello de Santiago en colaboración con NUMAX e terá lugar o domingo 12 de setembro ás 11:30 horas, con entrada gratuíta ata completar aforo. Coma sempre recomendamos reservar praza escribindo ao correo [email protected].

A visita de García López complétase o sábado 11 de setembro coa programación e presentación na sala de dúas curtametraxes realizadas no seo da EOC por cineastas cuxa carreira se viu seriamente afectada pola censura: Antoñito vuelve a casa + La caza de brujas, de Manuel Revuelta e Antonio Drove respectivamente. Xa se pode reservar butaca na nosa web para esta sesión que conta coa colaboración de Filmoteca Española.

Sonia García López é licenciada en Comunicación Audiovisual e Doutora pola Universitat de València e profesora no Departamento de Comunicación da Universidade Carlos III de Madrid.

A súa investigación, que se desenvolve como membro do grupo Tecmerin (Televisión-Cine: Memoria, Representación e Industria), xira arredor das relacións entre cinema e historia, o documental e o cinema de vangarda, cun énfase no concepto de arquivo. Realizou estancias de investigación predoutoral e postdoutoral en New York University e Sorbonne Université, entre outros centros internacionais. É autora dos libros El cuerpo y la voz de Margarita Alexandre (tecmerin, 2016), Spain is US. La guerra civil española en el cine del Popular Front (PUV, 2013) e Ernst Lubitsch. Ser o no ser (Paidós, 2005) e coeditora de Contraculturas y subculturas en el cine latinoamericano (1975-2015) (Tirant lo Blanch, 2019) y Piedra, papel y tijera. El collage en el cine documental (Ocho y medio, 2009). Estos intereses investigadores plasmáronse tamén na súa actividade como programadora para institucións como Cineteca Madrid, Tabakalera-San Sebastián, Open Society Archives (Budapest), etc.