Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «Hermanito» con Amets Arzallus

O escritor Amets Arzallus presenta Hermanito (Blackie Books), libro escrito xunto con Ibrahima Balde, na Libraría NUMAX o venres 18 de xullo ás 19:00h. O evento está organizado pola Asociación Plataforma polo Emprego. A entrada é libre ata completar aforo.

Esta historia arrinca así: «Estou en Europa pero eu non quería vir a Europa». Ibrahima Balde naceu en Guinea, pero viuse forzado a abandonar a súa casa para ir buscar ao seu irmán pequeno. Non saíu para perseguir un soño. Abandonou o seu fogar para atopar á persoa que máis quería. É imposible non chorar varias veces durante a lectura deste libro. Pero non só pola crueza desta odisea a través de fronteiras e desertos e océanos. Senón tamén, e sobre todo, por como está contada: cunha mirada inxenua, castigada, arrebatadoramente poética e, en definitiva, única. A de quen sufriu todo e, con todo, ten o poder de convertelo en algo útil. En algo belo.

Adoitaba sentarme xunto ao meu irmán e faláballe, como agora che falo a ti. Faláballe coa boca e cos ollos. Así as palabras non caen.

Antes dos escritores están as persoas. Antes das novelas, as historias. Antes das imprentas e os libros, as crónicas e mitos ao redor da fogueira. Hermanito é literatura viva, polo que ten de vivencial e humano, pero tamén polo que ten de popular e oral. O encontro entre Amets e Ibrahima non é só o encontro e a posibilidade de froito entre dúas persoas sensibles. É, tamén, a suma de dúas culturas e de dúas poéticas. Somos como nos explicamos. A nosa cultura é, tamén, como sentimos o que vivimos. Eles estaban destinados a atoparse e a entenderse: por moi lonxe que crecesen o un do outro, estaban preto. Amets é bertsolari, campión de Euskadi, e Ibrahima vén da tradición oral de Guinea Conakri. Dese encontro, desa conversación, desa oralidade, desa cultura popular feita sentimento, vida e palabra, nace este libro e fórxase, tamén, a súa amizade.

Ibrahima Balde (Guinea-Conakry, 1994) é o protagonista e coautor de Hermanito, onde relata o seu periplo na procura do seu irmán. Como non tivo oportunidade de aprender a ler e a escribir, o bertsolari e xornalista Amets Arzallus Antia (Saint Jean-de-Luz, Francia, 1983) axudoulle a contar a súa historia, tras coñecelo nunha asociación de apoio a migrantes en Euskadi.