Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «himno nacional» con Miguel Cavadas

Miguel Cavadas presentará himno nacional (Chan da Pólvora) o xoves 4 de setembro ás 19:00h na Libraría NUMAX. O autor estará acompañado por Vicente Vázquez e Alba María. A entrada é libre ata completar aforo.

himno nacional nace da experiencia dun mozo galego de clase obreira no tecido social e laboral dos Estados Unidos. En tensión co “eu” que reclama a súa existencia desde Galicia, aparece un novo “eu” gorecido nunha liberdade enganosa nunha contorna voraz que o capitaliza todo.

Trátase, como observa desde os primeiros versos, dun texto sobre a nova emigración e que evidencia as fallas dun sistema forxado desde a precariedade dunha xeración enteira. Nun mundo globalizado (ou se cadra “americanizado”) que deslocaliza o traballo, Miguel Cavadas ve despuntar axiña o perigo de non estar nin aquí nin alá, no perigo da errancia permanente.

“No caso de Galicia”, asegura, “vólvese case unha carga xenética” que el resolve nun diálogo coa emigración previa e tamén coa latinoamericana.

Como compoñer o himno dunha colectividade en tránsito? Como forxar vínculos sólidos nun mundo flutuante? Como confiar aínda no futuro? Estas son algunhas das preguntas que impulsaron a creación de himno nacional e que Cavadas responde cun estilo tan diáfano como implacable.

Ao final, vén dicir o autor, o único que queda é o amor como xeito de construír fogar en lugares onde semella que non podería habelo.

Miguel Cavadas (Vigo, 1996) é escritor, guionista e creador escénico. Estudou Filoloxía na USC e despois marchou a Los Ángeles cunha Beca La Caixa para formarse en escrita cinematográfica. Os seus relatos e poemas resultaron gañadores en certames como o Mazarelos e o Díaz Jácome. Coa compañía de creación colectiva Faísca Teatro estreou dúas montaxes premiadas no Xuventude Crea. En Estados Unidos, foi finalista do prestixioso Paramount Writers Mentoring Program e formou parte do equipo da produtora mexicanoamericana Elefantec Global. De volta en Galicia, compaxina a creación literaria coa súa carreira como guionista.

Artigos relacionados