Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «La arquitectura de la discapacidad» con Belén Vaz e Alba Enríquez

A arquitecta Belén Vaz e a avogada Alba Enríquez presentarán La arquitectura de la discapacidad (Bartlebooth) de David Gissen o xoves 22 de maio ás 19:00h na Libraría NUMAX. A entrada é libre ata completar aforo.

La arquitectura de la discapacidad propón unha nova forma de abordar a relación entre discapacidade e espazo construído. Fronte ás perspectivas tradicionais centradas no acceso e a adaptación, David Gissen expón unha reflexión máis ampla sobre como a discapacidade moldeou a arquitectura ao longo da historia, desde a Grecia clásica e as contornas naturais ata as loitas polo acceso á vivenda e os conflitos no espazo público. O libro sitúa as experiencias das persoas discapacitadas no centro do pensamento arquitectónico, cuestionando as formas, estéticas e prácticas que definiron o deseño e a construción de espazos.

A través de monumentos históricos, paisaxes naturais, espazos públicos e edificios contemporáneos, Gissen explora conceptos como “disfuncionalidade”, “desfiguración” e “impedimento” para examinar como estas ideas influíron na creación e percepción das contornas construídas e abrazalos como ferramentas de deseño. O seu traballo, pioneiro e provocador, sacode as herdanzas na teoría, a educación e a práctica do espazo, o urbanismo e o territorio para axudarnos a rearticular e reimaxinar unha arquitectura desde a perspectiva da capacidade física.

Belén Vaz é arquitecta, especialista en accesibilidade, deseño universal e neuroarquitectura. Alba Enríquez é avogada cultural e especialista en dereito á cidade.