Libraría

Presentación de «A poesía como arte insurxente» de Lawrence Ferlinghetti, traducida por Daniel Salgado

O mércores 15 de decembro a Libraría NUMAX acolle a presentación do poemario A poesía como arte insurxente de Lawrence Ferlinghetti, unha das primeiras referencias da editora Rodolfo e Priscila. No acto, que terá lugar ás 20:30h da tarde, contaremos coa presenza do traductor, Daniel Salgado e dos editores do libro, Berta Dávila e Carlos Meixide.

A nova editorial Rodolfo e Priscila iniciaba a súa andadura o pasado mes de novembro coa publicación de Pequeno álbum de Nova York en inverno e coa traducción do libro que presentaremos en NUMAX, A poesía como arte insurxente, do poeta, editor e valedor da xeración beat, Lawrence Ferlinghetti. Este poemario contén un manifesto literario e vital, unha mirada crítica e de desencanto sobre a política a a sociedade norteamericana, así como ofrece un espazo propicio nas marxes para o florecemento da poesía. Na presentación, que terá lugar o mércores 15 de decembro ás 20:30h da tarde, contaremos coa presenza do poeta, xornalista e traductor do poemario, Daniel Salgado (que traduciu tamén o Ouveo de Allen Ginsberg en Positivas) e dos editores Carlos Meixide e Berta Dávila. 

Para asistir ao acto é preciso reservar praza no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Lawrence Ferlinghetti foi un poeta, traductor, xornalista e editor estadounidense pertencente á xeración beat. Durante moitos anos, foi o máximo representante do movemento poético de San Francisco, no que se engloban unha gran cantidade de poetas de diversas tendencias que atoparon apoio literario a través de recitais organizados por el, pola súa librería The City Lights e da revista City Lights Magazine. Ferlinghetti estaba presente na famosa lectura da Six Gallery (San Francisco, 1955) considerada a primeira manifestación pública de relevancia dos poetas beat, onde recitaron persoas como Gary Snyder, Philip Lamantia, Michael McClure, Philip Whalen, Kenneth Rexroth e Allen Ginsberg, este último lendo o seu célebre Ouveo.