Cinema

Obras mestras de Charles Laughton e R.W. Fassbinder no Cinema ao aire libre de NUMAX

Este verán temos moitas sorpresas para vós! Os días mércores 5 e xoves 6 de xullo o Cinema NUMAX sae á rúa, con dúas proxeccións gratuítas ao aire libre que terán lugar no último treito de Concepción Arenal. A actividade conta co apoio da Xunta de Galicia con cargo aos Fondos FEDER e conta coa colaboración na parte técnica de Cine na Rúa.

Seguimos a presentarvos todas as nosas novidades para encher o verán de bo cinema. A semana que vén celebramos dous pases moi especiais nos que, por vez primeira, o Cinema NUMAX sae á rúa proxectando no último treito de Concepción Arenal dúas obras mestras: A noite do cazador de Charles Laughton e Chamámonos todos Alí, de Rainer Werner Fassbinder.

 

O Cinema ao aire libre de NUMAX arranca o mércores 5 de xullo ás 22:30h coa proxección dunha obra mestra do cinema clásico, A noite do cazador, única película dirixida polo xenial actor británico Charles Laughton, que conta coas históricas actuacións de Robert Mitchum e Lillian Gish. No tempo da Gran Depresión, no sur dos Estados Unidos, dous irmáns orfos foxen do falso reverendo Harry Powell, nunha fábula sobre a dialéctica entre o amor e o odio que conta cunha espectacular fotografía de Stanley Cortez.

 

Ao día seguinte, xoves 6 de xullo tamén ás 22:30h, avanzamos un chisco máis na historia do cinema para nos achegar a un dos grandes autores da modernidade, o alemán Rainer Werner Fassbinder quen, influenciado polo melodrama clásico de Douglas Sirk, filma a incomprendida historia de amor entre un inmigrante marroquí e unha traballadora da limpeza viúva. Chamámonos todos Alí é, a un tempo, unha emocionante historia de amor, un alegato contra calquera sorte de discriminación e un inclemente retrato da sociedade alemá do seu tempo. Vémonos na rúa!

Indicacións para o cinema ao aire libre de NUMAX

Estes días recibimos varias consultas sobre a organización do espazo, as cadeiras, posibilidades de reserva, etc... polo que a continuación tentaremos aclarar dúbidas. Para o visionado dos filmes colocaremos no último treito da rúa Concepción Arenal entre 80 e 100 cadeiras. As proxeccións son de acceso libre e gratuíto polo que non se fará reserva previa das prazas. Se queredes vir un pouco antes para coller sitio, a partir das 22:00 horas poderanse ocupar as cadeiras. Se se completa o aforo será posible visionar o filme desde a beirarrúa, pero non se poderán colocar cadeiras a maiores e haberá que deixar sempre paso para os peóns. Recomendamos traer algunha roupa de abrigo pois a esas horas adoita refrescar o tempo.