Libraría

Albert Garcia visita a Libraría NUMAX para presentar o seu poemario «Tres días / Tres dies»

O poeta valenciano Albert Garcia presentará en NUMAX o seu último libro Tres días / Tres dies, un poemario escrito en catalán e español que nos achega unha ollada diferente cara á cidade de Barcelona. O acto terá lugar o vindeiro xoves 28 de xaneiro ás 19:30 na Libraría NUMAX.

«Tres días / Tres dies» reúne e condensa as impresións vivas e palpitantes de García cando, en 2005, deixa a súa Valencia natal para ir vivir a Barcelona. Os versos do poemario, escritos inicialmente en castelán e traducidos ao catalán, redescobren con asombro unha Barcelona coñecida e ignorada a un tempo, definindo a paisaxe mutante do exilio interior do autor. Albert García percorre unha cidade que «cada minuto crea e destrúe unha nova ilusión, que navega poderosa cara a unha ruína que ignora, paisaxe mutante sobre a que se debuxa un futuro incerto, que fotografan sen taxa e con sorriso perenne os novos invasores».

O novo traballo Albert Garcia (Valencia, 1949), editado por Contrabando, súmase á ampla traxectoria poética do seu autor, recollida en antoloxías como «Ai, Valencia», «Jocs florals a Cavanilles», «62 poemes per l”Ovidi» ou «For sale». García ten destacado, asemade, como autor de cancións e como letrista e adaptador de María del Mar Bonet.