Librería

A Aldea Desmedida #02 con Claudia Polo e Jorge Guitián: «A cidade comida: nutrirse en tempos de cemento»

Claudia Polo e Jorge Guitián son as protagonistas desta segunda conversa da actividade «A aldea desmedida», que terá lugar o xoves 23 de maio ás 20:30h. Xuntaránse na Libraría NUMAX para falar sobre «A cidade comida: nutrirse en tempos de cemento». Esta actividade está comisariada por Maos Innovación Social e subvencionada pola Deputación da Coruña.

Ninguén escapa ao “acto de comer”. A necesidade de nutrirse ou o simple desexo de degustar alimentos non entende de norte-sur global, non entende de xénero nin clase social, por iso “comer” fala do máis intrínseco da nosa humanidade, mesmo da nosa animalidade. Agora ben, comer resulta ben diferente en cada lugar do mundo, en cada bar, restaurante, en cada cidade, mesmo en cada casa; porque no “acto de comer” signifícanse valores culturais, sociais e políticos.

As divulgadoras gastronómicas Jorge Guitián e Claudia Polo conversarán neste encontro sobre a posíbel aliaxe entre gastronomía e o consumo responsábel no marco dunha urbe como Compostela coa capacidade revolucionaria e transformadora que reside na alimentación como pano de fondo. Claudia Polo, graduada en Gastronomía e Artes Culinarias no Basque Culinary Center e alma do proxecto Soul in the Kitchen, achegaranos á alimentación consciente en relación ao corpo e o ecosistema. Pola súa banda, Jorge Guitián, historiador da arte e xestor cultural reconvertido en comunicador e xestor gastronómico, despregará o seu basto coñecemento sobre a cociña do noso país. A diversión, o goce e o pracer de crear pratos e comer serán o punto de conexión.

Jorge Guitián é historiador da arte e traballou máis dunha década en patrimonio cultural antes de centrarse na gastronomía fai 15 anos. Na actualidade escribe para medios como o xornal La Vanguardia, as revistas CN Traveler ou PAN, a Guía Repsol e medios dixitais como Vinte, El Comidista ou Directo al Paladar. Ao mesmo tempo, desenvolve traballos de para empresas e institucións. Formou parte do equipo redactor do Plan Estratéxico de Turismo Enogastronómico de Galicia e na actualidade traballa na Estratexia de Turismo Gastronómico de A Mariña. Traballou baixo a dirección de Ferran Adrià nun proxecto expositivo para a Biblioteca Nacional de España e na actualidade é docente no Master de Comunicación Gastronómica da Universidade de Cádiz e no Master de Comunicación e Xornalismo Gastronómico do Basque Culinary Center (San Sebastián). E autor da newsletter Carreteras Secundarias e, no seu traballo, está especialmente interesado na relación do feito gastronómico co turismo, coa sociedade e coas dinámicas urbanas, así como nos xeitos de comunicar estas interrelacións.

Claudia Polo baila sempre na cociña, que é onde aprendeu a relacionarse co que a rodea e consigo mesma. Leva o proxecto Soul In The Kitchen onde educa nunha alimentación consciente a través da creatividade e unha relación sa co noso corpo e co ecosistema. Estudou o grado en Gastronomía e Artes Culinarias no Basque Culinary Center e ao longo destes anos traballou en Comunicación Gastronómica, como profesora de cociña e en restaurantes. Escribe, moitas veces nun caderno, profesionalmente en El Comidista, El País Gastro, Hambre Magazine. Tamén colabora en Aragón Radio e Radio Zaragoza. Gústalle facer cousas coa xente, ter ideas e levalas a cabo.

Artículos relacionados