A Aldea Desmedida #04 con Fran Quiroga e Iago Carro: «A cidade que pode ser: participación e asociacionismo na imaxinación do futuro»
Celebramos a cuarta e última conversa da actividade «A aldea desmedida» coa participación do investigador Fran Quiroga e do arquitecto Iago Carro do colectivo Ergoesfera, que terá lugar o xoves 10 de outubro ás 20:30h na Libraría NUMAX. Nesta ocasión a temática sobre a que dialogarán será «A cidade que pode ser: participación e asociacionismo na imaxinación do futuro». Esta actividade está comisariada por Maos Innovación Social e subvencionada pola Deputación da Coruña.
A cidade é un espazo de contínua tensión entre o público e o privado, o individual e o colectivo, as administracións e a sociedade civil. Pero pode ser tamén un lugar de converxencia e convivencias destas polaridades? Pode a cidadanía decidir que modelos de gobernanza queremos? Para escudriñar entre estas preguntas, contaremos con Fran Quiroga, investigador transdisciplinar que abordará os cruzamentos entre o activismo, a arte, a participación social e os comúns, e Iago Carro, arquitecto e investigador urbano de Ergosfera, cooperativa dedicada ao desenvolvemento de propostas urbanísticas e estudos sobre as formas de uso e urbanización do territorio contemporáneo.
Iago Carro (A Coruña, 1981). Arquitecto (2011) con máster en urbanismo (2012) pola Universidade da Coruña. Investigador e docente na E.T.S. de Arquitectura da Coruña (2012-2015). Todo o seu traballo desenvolveuno como membro de Ergosfera, unha cooperativa dedicada á investigación urbana e á práctica urbanística desde 2006.
Fran Quiroga. Investigador transdisciplinar. Licenciado en Ciencias Políticas pola USC, con estudos nas universidades de Minho, Granada e a University College Cork. É Coordinador xeral de Concomitentes, unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve proxectos artísiticos en función de demandas cidadás, así mesmo, forma parte do Board de Societé Européenne des Nouveaux Commanditaires. Dirixiu investigacións experimentais como Fiestas Raras o Ruraldecolonizado en centros artísticos como Matadero Madrid, CGAC ou o MUSAC. Tamén é coordinador do proxecto Art Living Lab for Sustainability financiado pola Comisión Europea, foi invitado a dar conferencias en espazos como o Círculo de Bellas Artes de Madrid, o MUSAC, o MediaLab Prado, University of Pennsylvania, a New European Bauhuas ou o Ministerio de Cultura e Deporte de España, entre outros moitos. É coeditor de obras como Pensar y Hacer en el medio rural (Ministerio de Cultura y Deporte), Galiza e o decolonialismo (Fundación Luis Seoane) ou Mutaciones en el espacio público (Bartlebooth).
- Hoxe
- Ver máis