Libraría

Alicia Fernández e Eduard Velasco presentan cadanseu libro en NUMAX

A Semana Santa chega a NUMAX cargada de actividades. O luns 29 recibiremos a visita de Alicia Fernández presentar Mamá pelícano e o martes 30 tocaralle a quenda a Eduard Velasco que presentará a súa tradución ao galego de Palabras de Opoton o vello, de Avel·lí Artís-Gener.

A primeira das citas será o luns 29 de marzo ás 19:30 coa presentación do libro gañador do XIX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño: Mamá pelícano. O poemario da escritora do Saviñao é o resultado dunha escrita sedimentada ao longo dos anos e o regreso de Alicia Fernández como autora despois de que, con apenas 17 anos, publicase a súa obra debut: Botar o mar polos ollos (2005). Editado por Espiral maior, o libro incrústase na intersección entre o feito de ser filla e de ser nai. Actualmente residente en Catalunya, Alicia Fernández foi unha das impulsoras da libraría compostelá Chan da Pólvora. Na presentación, xunta á autora, participará a tamén escritora Lara Dopazo.

Un día despois, o martes 30 de marzo tamén ás 19:30 será o día de Eduard Velasco, tradutor ao galego de Palabras de Opoton o vello, un clásico da literatura catalá obra de Avel·lí Artís-Gener. O libro, escrito a mediados do s. XX en México e ambientado en Galicia, artéllase a xeito de vinganza poética na que os aztecas chegan a Europa uns anos antes da conquista de América. Denunciando o feito de que un pobo se poida erixir en conquistador e dominador doutro, Avel·lí Artís-Gener parte do coñecemento das linguas propias de México, como o náhuatl, para realizar un xogo de espellos que fascina nunha novela chea de humor, magnificamente traducida por Eduard Velasco, e que supón unha férrea defensa da liberdade dos pobos e da convivencia das culturas. De novo será Lara Dopazo a encargada de presentar o acto e dialogar co autor.

Ambas presentacións teñen aforo reducido e cómpre inscrición previa no correo [email protected]. Se quedas sen entrada lembra que podes ver e escoitar ambas presentacións desde a casa via streaming nas nosas páxinas de Facebook e Instagram (@numaxcoop).