Almudena Otero presenta o libro de ensaios «عين ('ayn). O ollo e a fonte»
A Libraría NUMAX acolle este venres ás oito da tarde a presentación do libro de ensaios «عين ('ayn). O ollo e a fonte», de Almudena Otero. Estará xunto coa autora e un dos responsábeis de Axóuxere Editora a filósofa Rebeca Baceiredo.
Segundo explican desde Axóuxere, a editora que sacou ao prelo a obra, a palabra árabe عين (‘ayn) "designa metaforicamente, na tradición islámica do sufismo a dimensión interrelacional entre o humano e o divino, entre o coñecido e o descoñecido. Significando «fonte», significa tamén «ollo» e, nese senso, tal dualidade outórgalle á palabra un horizonte sémico moi apropiado para abordar certos aspectos do real e do existente humano que, sen precisarmos dun artellamento demasiado categorial, abre unha intelección da alteridade posíbel na que o ser é quen de entrar, alén da tipoloxía de discurso ou argumentario que use. Nun conxunto de ensaios que tratan a obra de místicas medievais heterodoxas como Mechthild von Magdeburg ou filósofos islámicos coma Ibn ‘Arabi, pasando a través de brillantes pensadores coma Simone Weil ou Gilles Deleuze, عين (‘ayn). O ollo e a fonte, da filóloga e ensaísta Almudena Otero Villena, non pide outra cousa senón escoita, á maneira en que certa tradición, inscrita nas angueiras alternativas do filosófico-literario, recomenda para se achegar ás mestas urdas do mundo".
Almudena Otero é Doutora en Filoloxía Alemana e posúe as Licenciaturas de Filología Alemana e Xornalismo pola USC. Cunha importante labor investigadora en universidades tan prestixiosas como Princeton, Colonia e Freie Universität Berlin, impartiu docencia na USC, na Cámara de Comercio de Santiago, e foi profesora de español no Berufskolleg Eschweiler e Christian-von-Dohm-Gymnasium (Alemania). Entre as súas publicacións, que suman monografías, traducións e artigos, detaca Zeitauffassung und Figurenidentität im Daniel von dem Blühenden Tal und Gauriel von Muntabel.