Amador Lorenzo presenta «Nacenza» e «Curro da Mosenda» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación dos fotolibros Nacenza e Curro da Mosenda (Fabulatorio) de Amador Lorenzo o xoves 19 de xuño ás 19:00h. A entrada é libre ata completar aforo.
Nacenza é o resultado editorial dun proxecto documental iniciado por Amador Lorenzo no ano 2014 co obxectivo de retratar a vida e os habitantes do Macizo Central de Queixa-Manzaneda acompañando a un veterinario rural no seu quefacer diario. O traballo de Amador Lorenzo propón un relato visual orixinal e contrario aos achegamentos nostálxicos e aos imaxinarios da renuncia tan habituais cando se retrata o mundo rural.
Nacenza é un libro onde habitan, sen xerarquía e sen apriorismos, a vida animal e a persoas, o abismo da natureza e a seguridade do refuxio, a resistencia da vida e a inexorabilidade da morte.
Curro da Mosenda e Nacenza son dous momentos da mesma historia; Nacenza é unha novela, o inabarcable, a vida enteira; Curro da Mosenda é un conto, hai un comezo e un remate definidos, pero o que acontece entre eses dous intres pode durar, tamén, toda unha vida.
Amador Lorenzo (Bueu, 1976) é Técnico Superior en Imaxe pola Escola de Imaxe e Son de A Coruña, con ampla experiencia en medios como El País (edición Galicia), Xornal de Galicia, Marca, Luzes e o Los Ángeles Times. Dende 2017 é codirector de FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña, onde tamén comisariou exposicións destacadas como O Piano pola xanela (Fundación Luis Seoane, 2020) e Profundar (Lúa Ribeira). No ámbito cinematográfico, traballou como fotógrafo fixo en producións como Matria, de Álvaro Gago, e O Corno, de Jaione Camborda. Foi gañador do Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado 2012 e finalista en certames como Descubrimientos PHotoESPAÑA 2014. Entre as súas exposicións recentes destacan Dique de Abrigo (Fundación Luis Seoane, 2018), Un certo panorama (PHotoESPAÑA 2017, exhibida en varios países) e Un mundo que sofre baixo un manto de flores (Kiosco Alfonso, 2021). Autoeditou obras como Bolhao (2016) e Dique de Abrigo (2018).
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Antes de nós
VO
-
-
Sirat
VOSG
-
-
Sirat
VOSG
-
-
A trama fenicia
VOSE