Ana Fernández-Cebrián e Helena Miguélez conversarán arredor de «Fables of Development» na Libraría NUMAX
O vindeiro venres 19 de xullo ás 19h30 a Libraría NUMAX acolle a conversa entre as investigadoras Helena Miguélez e Ana Fernández-Cebrián arredor do libro publicado por esta última, Fables of Development:
No marco das VI Xornadas ALCESXXI, que se celebrarán estes días en Santiago, a investigadora Ana Fernández-Cebrián dialogará na Libraría NUMAX con Helena Miguélez arredor do seu libro Fables of Development, no que trata as fábulas de desenvolvemento entre 1950 e 1967 en España. Fernández-Cebrián céntrase nunha paradoxa básica: por que o chamado "milagre económico español" foi retratado ficticiamente a través de medios providenciais nos que a menudo interveñen elementos sobrenaturais e extraordinarios?. Para responder a esta pregunta, o libro examina as ficcións culturais e a vida social no momento no que España pasou da autarquía ao proxecto de desenvolvemento industrial e turístico. Máis alá das narrativas sobre o progreso, a modernidade e a satisfación do consumidor a nivel global e nacional, os arquivos culturais do período ofrecen descubertas sobre as expectativas dunha maioría social que vivía na precariedade e que non tiña ingresos suficientes para consumir os bens que foron anunciados. A través do escrutinio de arquivos interdisciplinarios (textos literarios, cinema, noticieiros, cómics e fontes xornalísticas, entre outros artefactos culturais), cada capítulo ofrece unha análise dos imaxinarios sociais sobre a circulación e distribución de capital e recursos no período comprendido entre 1950, cando o goberno do xeneral Franco comezou a integrarse nos mercados e institucións internacionais a raíz dos seus acordos con Estados Unidos, ata 1967, cando se completou a implementación do primeiro Plan de Desenvolvemento (1964-1967).
Ana Fernández-Cebrián é profesora asistente de culturas latinoamericanas e ibéricas. A súa investigación céntrase nos cambios históricos relacionados coa produción ideolóxica e as transformacións da esfera pública na España moderna e contemporánea, con especial énfase na literatura, os estudos culturais, o cine e os medios de comunicación. Obtivo o seu B.A. en Filoloxía Hispánica da Universidade de Zaragoza, e o seu Doutorado en Español e Portugués da Universidade de Princeton. Fables of Development: Capitalism and Social Imaginaries in Spain (1950-1967) é o seu primeiro libro. O seu segundo proxecto de libro, titulado provisionalmente Tierra y agua: literatura de los comunes en la España moderna y contemporánea, estuda a relación entre a natureza, a imaxinación política e literaria, e as experiencias comunitarias. Outros intereses de investigación e docencia inclúen o impacto das explicacións do progreso, a modernidade e a escasez nas expectativas dunha maioría social na actual crise económica.
Helena Miguélez é profesora titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor. Filóloga de formación e doutora pola Universidade de Edimburgo, as súas pesquisas abordan a historia cultural galega e española nunha perspectiva postcolonial e feminista. Nos seus traballos estudou as historias intelectuais dos nacionalismos en España; a relación entre cultura e Estado; e o recente "xiro rural" na cultura española. No 2014 publicou Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego (Através), gañador do Premio AELG 2015 na categoria de ensaio, no que aborda como se construiu o mito de Galicia como un país sentimental e “feminino”.
- Venres
- Ver máis