Portas abertas para abonadas e avalistas no primeiro aniversario de NUMAX
O 18 de marzo de 2015, logo de recibir a visita sorpresa do cineasta Aki Kaurismäki, que presentou en estrea internacional a nova copia do seu filme Nubes pasaxeiras, abriamos as portas do Cinema, Libraría e Laboratorio de NUMAX, S. Coop. Galega.
A día de hoxe, NUMAX conta con máis de 700 persoas abonadas e polo noso cinema pasaron xa máis de 30.000 espectadores. O laboratorio de gráfica e vídeo produciu máis de 60 proxectos para clientes externos entre particulares, empresariais e institucionais e a libraría traballa cun fondo de máis de 150 distribuidoras e máis de 600 editoriais e comeza a estabelecerse como referencia na cidade.
Como agradecemento, todas as sesións do vindeiro venres 18 de marzo serán de acceso gratuíto para persoas abonadas e avalistas do noso proxecto, co límite das prazas dispoñíbeis e previa retirada da entrada na billeteira do noso local.