Libraría

Antón Lopo presenta «Lampíricos» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Lampíricos (Letraversal) de Antón Lopo o mércores 12 de marzo ás 19:00h. O autor estará acompañado do escritor Ismael Ramos, traductor do libro. A entrada é libre ata completar aforo.

Sete anos despois da publicación de Lampíricos, Letraversal reedita este libro de Antón Lopo nunha edición bilingüe traducida polo poeta e escritor Ismael Ramos.

Está a luz. Onde a luz proxecte o seu camiño recto todo son agarda. Está o descenso súbito. A máscara e o seu silencio escuro. Están as voces comunais e o suxeito que traza un círculo ao redor, unha esfera, unha linguaxe que o conteña. O suxeito e a luz que na súa boca nace. As cordas tensas debuxan un cuadrilátero que se desfai como duna observándonos. É para o combate con quen camiña e vén, aturdido tras o asalto que se levou a súa sombra ou as súas palabras. Vontade e entrega, querenza e azar de quen confundiu designios, de quen volve e fala, suxeito á súa voz ou á do outro. O texto percutivo de Antón Lopo consegue experimentar a crise e a revelación por medio do fascinio. É poesía táctil, feita co poder das voces e coas interrogantes do exilio, da precariedade, da vulnerabilidade, da paixón que se asoma para golpearnos.

“A linguaxe é o único transcendente que podemos habitar”, asegura Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), un autor que se move nos límites porosos da poesía, sexa na súa dimensión de poeta, performer, novelista ou na de xornalista. Actualmente dirixe as editoriais Chan da Pólvora e Noudelo e Ribón, ademáis do festival de poesía Alguén que respira! de Santiago de Compostela. Entre os seus libros de poemas, figuran Pronomes (1998), Fálame (2004) o Corpo (2018). O seu libro máis recente, Diarios/1 [Azul Mondorte] recibiu en poesía o Premio da Crítica española, que xa recibira pola novela Extraordinario (2018). Autor dunha serie de volumes de literatura documental sobre distintos artistas galegos, tamén publicou obras singulares dentro do xénero fantástico e de ciencia-ficción como Ganga (2000) ou Obediencia (2010). Dos seus traballos perfomáticos sobresaen Lob*s (1999), xunto a Ana Romaní, Prestidixitador (2000), Accións (2004), Dentro (2005) o Achádegos na noda (2019) sobre o tráfico de migrantes.