Libraría

A creadora escénica Avelina Pérez presenta «Ese silencio» en NUMAX

A creadora escénica Avelina Pérez presentará en NUMAX o libro Ese silencio este xoves 7 de xullo ás 20:30 editado en Positivas dentro da colección DiTeatro. No acto a autora estará acompañada do seu editor Paco Macías e do director do Centro Dramático Galego, Fran Nuñez. A entrada é libre ata completar aforo. 

A creadora escénica Avelina Pérez procura ter nas súas obras teatrais a máxima liberdade, fuxindo das etiquetas e da necesidade de paradigma definido. Está interesada pola palabra, cunha concepción teatral moi ligada ao terreal, ao social, na busca de converter o cotián en extracotián, e sempre transitando por un humor acedo e duro. Concibe a escena como un lugar de encontro, un lugar no que a dignidade exista aínda que estea camuflada, agochada, distorsionada, pero sempre presente. A peza que presentará en NUMAX, Ese silencio, publicada en 2022 por Positivas, é un monólogo no que a protagonista se dirixe á persoa lectora sen piedade e sen tregua, mostrando unha visión nítida e crúa do mundo. Un texto que mostra unha ferida aberta. A autora, que presentará este libro este xoves 7 de xullo ás 20:30 no espazo da Libraría NUMAX, estará acompañada do seu editor Paco Macías e de Fran Nuñez, director do Centro Dramático Galego. A entrada é libre ata completar aforo. 

Avelina Pérez (Santa Mª de Oia, 1969) Diplomada en Educación social, formada en interpretación na Escola Santart e titulada en dirección de escena e dramaturxia na ESAD de Galicia. Despois de dedicarse profesionalmente, durante anos, á educación social en contextos de exclusión, abandona radicalmente a súa profesión e centra o seu foco nas artes escénicas.​ Os cans non comprenden a Kandinsky é a peza que abre o seu novo proxecto artístico no que diversifica as propias producións,a escrita teatral e a impartición de obradoiros. Avelina Pérez tamén recibiu varios galardóns en dramaturxia como o Premio da audiencia do certame de Radioteatro do Diario cultural da Radio Galega polas obras Non teño espello no baño e Alianzas en 2017 e 2015 (respectivamente); o Premio Abrente para textos teatrais con O día no que bicar a terra en 2018 ou o Premio Álvaro Cunqueiro para a peza Ás oito da tarde, cando morren as nais en 2018.