Ramón Lluís Bande visita NUMAX para impartir a aula «Encontrar la película / La película encontrada»
O cineasta asturiano Ramón Lluís Bande achegarase o vindeiro sábado 2 de abril ás 11:30 ao Cinema NUMAX para impartir a clase maxistral Encontrar la película / La película encontrada, incluída na Aula «Os ollos verdes», na que afondará no seu proceso creativo. Ademais as proxeccións de El nome de los árboles do venres 1 e o sábado 2 abril ás 19:20, contarán coa presentación e coloquio co cineasta.
Na Aula «Os ollos verdes», Ramón Lluís Bande ofrecerá un relatorio que leva por título Encontrar la película / La película encontrada, no que incidirá nos elementos máis salientábeis da súa obra cinematográfica, centrando a atención nos seus dous últimos filmes, Equí y n'otru tiempu e El nome de los árboles. Ambos os dous filmes afondan, desde presupostos formais diferentes, na memoria dos fugaos, apelativo co que eran coñecidos os centos de militantes republicanos asturianos que, logo do alzamento fascista de 1936, fóronse agochar ao monte para salvar a vida e continuar coa súa resistencia armada contra o franquismo.
A Aula «Os ollos verdes» é unha iniciativa de NUMAX que está a posibilitar cada mes o contacto do público compostelán con destacados directores do cinema contemporáneo, xa sexan autores novos que están a pescudar na súa propia linguaxe ou cineastas consolidados que ofrecen un percorrido pola súa traxectoria artística. A de Ramón Lluís Bande será a segunda entrega da Aula «Os ollos verdes», que foi inaugurada o pasado 20 de febreiro coa participación do cineasta Luis Aller.
A visita de Bande a NUMAX acompáñase da estrea, o mércores 30 de marzo, do seu último filme, El nome de los árboles. Intimamente relacionada coa súa obra anterior, Equí y n'otru tiempu, a nova creación do cineasta percorre Asturies na busca dos lugares nos que tiveron lugar as principais emboscadas contra os maquis. Ao longo da viaxe o cineasta irá atopando as últimas testemuñas vivas daquel tempo mais, tal e como sinala Carlos Losilla en Caimán, «non se trata dun filme de testemuñas, senón máis ben de xiróns e fragmentos que sempre remiten a aquel pasado infame e a un presente que segue a ser a consecuencia daqueles crimes». O filme está a ser ter un amplo percorrido en festivais internacionais, sendo proxectado en certames como Sevilla, Transcinema Perú ou o Cinema D'Autor de Barcelona. Aproveitando a visita a NUMAX de Ramón Lluís Bande, a proxección de El nome de los árboles do venres 1 de abril ás 19:20 contará coa presentación en sala do director.
Considerado como un dos principais autores da nova xeración de cineastas asturianos, Ramón Lluís Bande (Xixón, 1972) destaca pola súa inquietude creativa, que o levan a desenvolver unha intensa actividade en campos como o xornalismo, o teatro, a literatura ou a música. Como realizador ten dirixido diversos proxectos para a Televisión do Principado de Asturias, entre os que destacan os recentes Camín, Ende ou L'alzada. A súa obra cinematográfica abrangue unha ducia de títulos, entre curtas e longametraxes, nos que adoita apostar por un rexistro documental. Os seus dous últimos filmes, Equí y n'otru tiempu (premio FIPRESCI-Resistencias do SEFF 2015) e El nome de los árboles, constitúen documentos de memoria arredor da loita dos maquis nos montes de Asturies.
O acceso á aula de Ramón Lluís Bande do sábado 2 de abril, ao igual ca acontece co resto das Aulas «Os ollos verdes», é gratuíto. Cómpre, iso si, reservar entrada a través do correo [email protected]. É preciso indicar nome completo e número de teléfono. No tocante á sesión de El nome de los árboles presentada polo autor do venres 1 de abril ás 19:20, xa se poden adquirir as entradas na nosa billeteira virtual.