Presentación de “Cadena de frío”, estrea na poesía de Fran Gayo
O venres 8 de xaneiro ás 20:00 presentaremos en NUMAX, coa presenza do autor, o poemario de debut de Fran Gayo, Cadena de frío, que acaba de publicar a editora de Xixón Suburbia Ediciones na colección malas tierras.
Cadena de frío, publicado pola editorial asturiana Suburbia na súa colección malas tierras, nace do cruce entre as experiencias persoais de Fran Gayo en Buenos Aires, cidade na que reside desde 2009, e a inevitábel reescritura na distancia das ideas de fogar e identidade. Tal e como ten declarado o propio autor, “a identidade é un concepto clave na miña vida, aínda que sei que é unha trampa que eu necesito para seguir vivindo”.
Segundo comenta Ramón Lluís Bande, un dos máis importantes axentes culturais asturianos contemporáneos (escritor, músico e cineasta), “ningún lector sensíbel pode saír sen feridas na súa propia emoción da lectura desta autobiografía, da peza dun puzzle complexo que xa non atopa o seu encaixe para construír unha imaxe bonita da realidade”. Pola súa banda, o cineasta arxentino Sergio Wolf describe Cadena de frío como un “líquido de sabor intenso e mutante, acre ou penetrante, que repta dunha condición a outra, como a auga ou os estados de ánimo”.
Fran Gayo (Xixón, 1970) foi músico e letrista do grupo Mus (1997-2007), dándose a coñecer no panorama cinematográfico ao formar parte da equipa artística do Festival Internacional de Cine de Xixón. Desde 2009 reside en Buenos Aires onde traballa como programador do BAFICI (Festival Internacional de Cine Independente de Buenos Aires), un dos certames máis relevantes do panorama internacional, ao tempo que coordina desde Arxentina a programación cinematográfica do Centro Niemeyer de Avilés.
- Hoxe
- Ver máis