Libraría

Carla Filipe inaugura con «Não é privado mas também não é público» o cuarto Episodio de Creación Contemporánea

Unha conversa entre a artista e o comisario, Ángel Calvo, este martes 5 de novembro ás 20:00 inaugurará a cuarta mostra do ciclo Episodios de Creación Contemporánea. Carla Filipe encherá a nosa vitrina con roupas femininas, farrapos e pezas de costura que afondan na memoria dun pasado no que cada detalle cotián afectaba a vida diaria e era controlado polas mans que, á súa vez, desenvolvían moitas outras tarefas.

Este cuarto episodio abordará a relación que a artista portuguesa Carla Filipe establece entre o seu traballo e o rexistro que se fai del. Así, a conversa aberta que terá lugar en NUMAX este martes 5 entre a artista e o comisario do ciclo, Ángel Calvo, xirará ao redor do traballo de Filipe ao longo de case vinte anos. O pasado ferroviario da súa nai, o histórico vínculo sindical dese gremio, a herdanza fascista do seu país, o trauma da militancia comunista, a tímida loita obreira ou o papel das mulleres na casa e no traballo. Segundo explica a propia folla de sala deste Episodio, Carla Filipe “fala das salas de costura como espazos de reunión, onde as mulleres acadaron no cotiá lugares e situacións propias ó redor dun traballo colectivo cuxo obxectivo era a manufactura das roupas utilizadas polas persoas da casa, nun intre previo á irrupción, primeiro da ditadura das marcas e posteriormente do modelo fabril de moda de consumo rápido, que acabou cun xeito de entender e desenvolver esa práctica”.

As roupas que a nai de Filipe coseu para vertila a ela e ás súas irmás, algunhas das cales remataron sendo farrapos para limpar a casa, afondan na memoria dun tempo pasado no que cada detalle que afectaba á vida diaria era controlado dende as mans que desenvolvían outros traballos.

O traballo de Carla Filipe bota man do inmediato, dos pequenos detalles que condicionaron a vida da súa familia, e por extensión a vida e a cultura popular de Portugal. Fala do traballo, do lecer ou das consecuencias de reivindicarse, tras a Revolución dos Caraveis, como pobo moderno que comezou a manexar influencias estéticas chegadas de países como Inglaterra ou os Estados Unidos, e que batían ou se fundían coas propias. Carla Filipe redescobre o seu pasado mediante o filtro do presente.

   

Carla Filipe vive e traballa no Porto. É artista plástica licenciada en Artes Plásticas- escultura en Porto, onde agora é mestra en prácticas artísticas contemporáneas.

Entre 2003 a 2007 estivo ligada ao movemento de Artist run Space da cidade do Porto, sendo cofundadora do Salón olímpico e do Proxecto Apéndice. En 2009 gañou a bolsa da Fundación Gulbenkian para a residencia artística na ACME studios (UK), e desde entón estivo en exposicións e bienais de todo o mundo, como a Bienal Manifesta 8, a V Bienal de Jafre, a 13º Bienal de Istambul, os museos Berado e Maat de Lisboa ou a 32º Bienal de Sao Paulo, entre outras.

Rodríguez-Méndez pecha o ciclo en decembro
Detrás de cada traballo artístico existe unha investigación e un formato diferente, posto que cada artista ten unha pescuda, cos seus procedementos, cos seus tempos e cunhas conclusións cuxa materialización pode pasar por formas e intereses igualmente amplos. Os Episodios de Creación Contemporánea están dando a coñecer ao público de NUMAX de primeira man e en primeira persoa o xeito en que se articulan e toman forma no pensamento e no taller dos e das artistas as súas obras.

O vindeiro mes de decembro o artista Rodríguez-Méndez pechará este ciclo que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Descarga AQUÍ a folla de sala do episodio e escoita a presentación no podcast do ciclo.