Cinema

Carlos Prado presenta o documental «Devolvendo o golpe»

Seguimos a celebrar encontros con novos creadores do cinema galego contemporáneo. O xoves 2 de xuño ás 20:00 o xornalista e cineasta Carlos Prado Pampín ofrecerá presentación e coloquio de Devolvendo o golpe, documental sobre a historial real de superación do boxeador galego Aarón « The Thunder».

Con apenas dez anos un rapaz de Marín chamado Aarón está a piques de falecer atropelado. A pesar das secuelas do accidente a teimosía de Aarón e o apoio da súa nai, Rosa, fará que saia adiante e persiga o seu gran soño: dedicarse profesionalmente ao boxeo. Devolvendo o golpe relata de primeira man a historia de superación de Aarón «The Thunder», que pasou de andar en cadeira de rodas a ser campión de España de boxeo.

O xornalista e cineasta Carlos Prado Pampín ten unha relación moi próxima ao sucedido pois é veciño de Rosa e Aarón e recorda o berro da súa propia nai o día do accidente preto da súa casa. De todo isto e máis conversaremos o xoves 2 de xuño ás 20:00 horas na presentación e posterior coloquio do filme en NUMAX.