Libraría

«Cervatos», o último poemario de Lucía Novas, preséntase este xoves na Libraría NUMAX

FOTO: César Quián

A poeta Lucía Novas presentará este xoves 12 de abril en Santiago de Compostela o seu novo poemario, Cervatos, publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, de KALANDRAKA.

Na Libraría Numax (Concepción Arenal, 9) estará acompañada, a partir das 20:00 horas, polos escritores Alba Cid e Samuel Solleiro, e polo director da colección Tambo, Luís Rei Núñez. O gusto polas atmosferas kitsch, a beleza do efémero e a riqueza dos obxectos superfluos marcan o estilo desta obra, que bebe das fontes do videoclip e do cinema, da música e da cultura audiovisual contemporánea.

Cervatos, que xa se presentou en Bueu e Pontevedra, é unha das obras finalistas na III Gala do Libro Galego que se celebrará o 19 de maio en Compostela. Este título de Lucía Novas súmase aos poemarios dos galegos Manuel Álvarez Torneiro -Premio Nacional de Poesía 2013-, Xavier Seoane, Martín Veiga, Luis Rei Núñez e Cesáreo Sánchez Iglesias que viron a luz en Tambo, xunto coa obra do catalán Antoni Marí e do vasco Joseba Sarrionandia, entre outros autores.

Lucía Novas licenciouse en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo. Exerce como profesora no ensino secundario de Lingua e Literatura Galega. Escritora xa na adolescencia, gañou diversos premios de poesía, e ten participado en diversos volumes colectivos. Publicou, antes de "Cervatos", os poemarios "Epiderme de estío" e "Neve". Colaborou con poemas seus en revistas como Grial, PolpA, Casa da Gramática, Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, O Ollo Público ou Escrita Contemporánea.