Cinema

Arranca o ciclo «Cine arxentino moderno. Fulgores e fracturas»

Durante o mes de setembro, a nosa sección de Repertorio estará dedicada ao Cine arxentino moderno co ciclo Fulgores e fracturas deseñado por Ramiro Sonzini, cineasta e cofundador da revista La vida útil. O programa inclúe 5 obras esenciais que renovaron o cinema arxentino desde mediados dos anos 60 e arranca o martes 2 de setembro cun título de culto: Invasión, de Hugo SantiagoEntradas xa á venda para todas as sesións do ciclo.

Os martes do mes de setembro coñeceremos de primeira man a unha xeración de cineastas irrepetibles, que souberon combinar a audacia formal das novas vagas dos anos 60 cun diálogo radical coa traumática realidade política arxentina que tivo nas ditaduras militares o seu tráxico pano de fondo. O deseño, programación e procura das mellores copias para este ciclo debémosllo a Ramizo Sonzini, cofundador da revista La vida útil, unha das publicacións que máis e mellor teñen profundizado no patrimonio fílmico arxentino.

Baixo o título Fulgores e fracturas agóchanse 5 obras chave, de fondo calado político pero moi diferentes linguaxes e estratexias narrativas. Arrancaremos o 2 de setembro con Invasión, alegoría política dirixida por Hugo Santiago, coguionizada xunto a Borges e Bioy Casares, situada no segundo posto da enquisa de cine arxentino organizada por La vida útil.

O martes 9 recibiremos a visita de Ramiro Sonzini que ofrecerá presentación e coloquio de El romance del Aniceto y la Francisca, dirixida por Leonardo Favio e interpretada por un moi novo Federico Luppi. A semana seguinte, martes 16, tócalle a quenda a Pajarito Gómez, de Rodolfo Kuhn, a historia de ascenso e caída dun músico popular que devén en aceda crítica á industria da música.

Remataremos con dúas pezas de alto calado político como son Operación masacre (23 de setembro), a adaptación de Jorge Cedrón do célebre libro de Rodolfo Walsh, e Juan, como si nada hubiera sucedido..., absorbente investigación xornalística do único desaparecido político en Bariloche, dirixida por Carlos Echeverría.

Programación e horarios


Martes 2 de setembro | 19:25h
Invasión (Hugo Santiago, 1969, 126')

Martes 9 de setembro | 19:45h
El romance del Aniceto y la Francisca (Leonardo Favio, 1966, 63')
* Presentación e coloquio con Ramiro Sonzini

Martes 16 de setembro | 19:50h
Pajarito Gómez (Rodolfo Kuhn, 1965, 83 min)

Martes 23 de setembro | 19:45h
Operación masacre (Jorge Cedrón, 1973, 95')

Martes 30 de setembro | 21:00h
Juan, como si nada hubiera sucedido (Carlos Echevarría, 1987, 164 min)