Libraría

Inma López Silva presenta o poemario «Clepsidras» na Libraría NUMAX

A escritora Inma López Silva presentará o próximo xoves 30 de xuño ás 20:30 o libro Clepsidras publicado por Chan da Pólvora na súa colección específica [elba]. A autora estará acompañada de Dolores Vilavedra e Antón Lopo. A entrada é libre ata completar aforo. 

Clepsidras é un libro no que asistimos en verso real á experiencia dunha escritora que se enfronta á experimentación literaria e, simultaneamente, á descuberta da memoria persoal. Moi poucas veces se dá a oportunidade de ler a unha autora tan exposta e tan consciente da súa exploración. Sobrecolle como se desdobra en filla, nai, esposa, amante, neta. Como se mergulla na profundidade emocional e combate a presión do poema cun sorriso nos beizos. Clepsidras apreixa o tempo líquido –inapreixable– e as súas rimas cósmicas, que nos unen máis alá dos lazos de sangue. Este poemario, que se presentará o vindeiro xoves 30 de xuño ás 20:30 da tarde no espazo da Libraría NUMAX, conseguiu o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía, que convoca o Concello de Dodro e está editado por Chan da Pólvora na súa colección específica [elba]. A autora estará acompañada de Dolores Vilavedra e Antón Lopo.

Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978) é unha exploradora de narrativas e paisaxes que a converteron nunha das figuras máis admiradas da literatura galega contemporánea. Deuse a coñecer en 1996 coa novela Neve en abril, á que seguiron os libros de relatos Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012). Nese período, publicará algunhas das obras que lograron a aclamación da crítica e do público, ademais de importantes premios, como foron Concubinas (2002), Non quero ser Doris Day (2006), Memoria de cidades sen luz (2008) e Aqueles días en que eramos malas (2016). Ademais escribiu o libro de viaxes New York, New York (2007) e os ensaios Maternosofía (2014) e Chámame señora, pero trátame come a un señor (2018). A súa última novela, O libro da filla, foi publicada en 2020 e recibiu o Premio da Asociación da Crítica Española.