Clubs de lectura de xuño: «Despejado» e «La pasión de los extraños»

En xuño propoñémosvos dúas sesións independentes, ás que podedes apuntarvos de xeito individual, pero que teñen un nexo común: a amizade e a forma na que nos relacionamos coas outras. A primeira delas celebrarase o 10 de xuño ás 20:00h, será arredor de Despejado (Libros del Asteroide) de Carys Davies e estará coordinada polas libreiras de NUMAX. A segunda será sobre o último libro de Marina Garcés, La pasión de los extraños. Una filosofía de la amistad (Galaxia Gutenberg), o 17 de xuño ás 20:00h e estará coordinado polo investigador Brais Estévez.
No novo formato de clubs de lectura a inscrición realízase a través dun formulario web ou presencialmente na libraría. Cada unha das sesións terá un custo de 6€ (por sesión). O pago farase de forma presencial na libraría, previamente á celebración da actividade. O custe das sesións irá destinado a pagar a coordinación e a remuneración das persoas que as realizan. A reserva de praza para a sesión non estará confirmada ata realizar o pago.
Para que as sesións do club de lectura se leven a cabo, será preciso un grupo mínimo de 10 persoas (por sesión), e un máximo de 15 persoas.
A libraría ofrecerá un 5% de desconto ás persoas que se anoten no club de lectura e que queiran mercar os libros propostos en NUMAX.
Inscrición Club de lectura Despejado: pincha aquí.
Inscrición Club de lectura La pasión de los extraños pincha aquí.
_____________________
Martes 10 de xuño de 2025 | 20:00h
Despejado de Carys Davies (Libros del Asteroide) - Libreiras de NUMAX
Ivar, o único habitante dunha remota illa escocesa, vive desde hai décadas en pacífico illamento acompañado duns poucos animais. Ata que un día de 1843 se atopa a un home inconsciente na praia. O recén chegado é John Ferguson, mozo presbítero enviado polo dono da illa para desafiuzar a Ivar e poder converter a zona en terreo de pastoreo. Alleo ás intencións do descoñecido, Ivar lévao á súa casa e, a pesar de que non falan o mesmo idioma, un fráxil vínculo empeza a nacer entre eles. Namentres, en terra firme, Mary, a muller de John, espera ansiosa noticias do seu marido.
Inscrición Club de lectura Despejado: pincha aquí.
____________________
Martes 17 de xuño de 2025 | 20:00h
La pasión de los extraños de Marina Garcés (Galaxia Gutenberg) - Brais Estévez
A amizade é algo tan bo que ninguén querería vivir unha vida sen amigos, dicían os clásicos. Desta afirmación naceu unha longa tradición filosófica e literaria que exaltou o valor da amizade e que continúa hoxe a través das series, o cinema e as propostas de autoaxuda. O fío condutor desta tradición é que hai unha amizade perfecta ou verdadeira, mesmo pura, que non se confunde cos intercambios da vida social nin coas dependencias doutros vínculos. O valor da amizade ponse no centro, porque se algo nos fai sufrir actualmente son as nosas vidas abocadas á falsidade, ao illamento e á soidade non desexada.
Este libro parte dunha sospeita cara a este ideal ético da amizade. Que se esconde tras este ideal de pureza? Como se puido manter estable ao longo do tempo e a quen se dirixe? A quen deixa fóra? Sérvenos para explicarnos o sentido, a dor e os medos que atravesan as nosas relacións de amizade?
Inscrición Club de lectura La pasión de los extraños: pincha aquí.
- Hoxe
- Ver máis