Coloquio en liña con Álex de la Iglesia na reestrea de «La comunidad» (25 aniversario)

No seu 25 aniversario, recuperamos un dos cumios da comedia negra española, La comunidad, e para recibila teremos o luxo de contar coa presenza en liña de Álex de la Iglesia, que ofrecerá un coloquio proxectado en 30 salas de todo o país, entre as que se atopa NUMAX. A cita é o xoves 21, con inicio da proxección ás 20:00h e comezo do coloquio en liña ao seu remate. Entradas xa á venda!
Xa está aquí unha das citas da recta final do verán, coa reestrea dun dos títulos máis emblemáticos do cambio de século que, no ano 2000, confirmaba o talento único do seu autor: Álex de la Iglesia. La comunidad segue a tradición da comedia coral española, cun elenco excepcional no que destacan Carmen Maura —Goya e Cuncha de Prata a mellor actriz protagonista—, Emilio Gutiérrez Caba —Goya a mellor actor de reparto— e rostros míticos como Terele Pávez ou Sancho Gracia.
O director vasco tece «un sobresaliente e delirante conglomerado de horror, humor, suspense e acción» (El País), cunha fértil mestura das influencias de Hitchcock, Polanski, Buñuel, Berlanga e a literatura de Valle-Inclán ou Buero Vallejo. A reestrea en copia restaurada de La comunidad terá este primeiro pase especial o xoves 21 e a continuación unha semana de pases diarios até o xoves 28. Non a deixes escapar!
- Hoxe
- Ver máis
-
-
O verán de Kikujiro
VOSE