A botella de lentellas, obra gañadora do premio Merlin 2023, conta as historias que Manuel inventa para a súa avoa, que agora xa non pode contarllas como facía cando era pequeno, sempre antes de comer cada orella de Entroido. Partindo dun talismán familiar, a botella chea de lentellas que sirve para estirar a masa, o neno é capaz de crear sete relatos fantásticos cos que intenta afondar no universo máxico que é a vida da súa avoa, ao tempo que enfronta a súa perda inminente e a complicada relación co pai. A tradición oral, as mitoloxías familiares e a ficción como ferramenta para cambiar a realidade inundan esta novela de relatos enmarcados na que a memoria e a fantasía conviven ata seren difíciles de distinguir.
Leticia Barbadillo (A Coruña, 1983) leva escribindo ficción desde os once anos, o que a levou a licenciarse en Comunicación Audiovisual para intentar ser guionista. Conseguiuno pouco e mal, así que moitos anos e tres fillos despois estudou Educación Infantil e actualmente traballa como mestra na escola pública. Polo camiño, colaborou en blogs colectivos como Se o Vello Sinbad Tivese Fillos ou Sobre as cousa e deuse ao activismo feminista e anticapacitista.