Daniel Zelko presenta «Oreja madre» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Oreja madre. Mi cuestión judía (Caja Negra) de Daniel Zelko o mércores 9 de xullo ás 19:00h. O autor estará acompañado pola escritora e investigadora María Salgado. A entrada é libre ata completar aforo.
En 2023, impulsado por un vínculo sostido durante anos con comunidades indíxenas no que se coñece como Arxentina, Dani Zelko emprende a procura da súa liñaxe xudía a través das pegadas do seu tataravó, un tradutor do século XIX que rompeu co mandato rabínico para mergullarse na literatura e o Movemento Iluminista. De viaxe coa súa familia por ghettos e campos de concentración en Polonia e Lituania, o diario desa pescuda vaise cruzando con recordos da súa infancia como un neno xudeu de Bos Aires, coas súas lecturas de formación, e con reflexións sobre Reunión, o proxecto artístico que o leva a entrar en contacto directo con prácticas de coñecementos ancestrais, territorios en disputa e comunidades ameazadas. Pero todo cambia bruscamente o 7 de outubro co ataque de Hamas a Israel, no que parte da súa familia, que vivía nos kibutz da zona, é asasinada. A partir dese momento, o libro convértese nun exorcismo crítico que vai desarmando a narrativa familiar e complexizando a pregunta sobre que significa ser xudeu hoxe en plena arremetida do Estado de Israel contra o pobo palestino.
Por que asumimos que o pobo xudeu e o Estado de Israel son o mesmo? Como opoñernos ao antisemitismo e ao mesmo tempo loitar pola liberación de Palestina? En Oreja madre Dani Zelko propón unha indagación colectiva sobre a espiritualidade, o dó, a violencia e o territorio. No medio da exacerbación global dos discursos de odio e coas tecnoloxías de guerra orientadas a anestesiar a sensibilidade e acalar toda crítica, este libro encarna a difícil tarefa de desarmar os binarismos e asumir o desafío de escóitaa. Escoitar o testemuño de quen sufriu un xenocidio, de quen padece o trauma do racismo, de quen é ou foron desposuídos da súa terra, a súa lingua, a súa cultura. Escoitar a posición de familiares, amigxs, colegas e maestrxs. Esa diversidade de voces conflúe nun rexistro coral e íntimo que navega no medio de contradicións históricas e verdades difíciles de aceptar.
Dani Zelko é artista, poeta e editor arxentino. A súa obra está composta de palabras e persoas. Por medio de diversos procedementos xera publicacións e acontecementos nos que as tensións políticas e os experimentos da linguaxe se retroalimentan. Publicou, entre outros, os libros Frontera Norte (2018), Juan Pablo por Ivonne. El contra-relato de la doctrina Chocobar (2018), ¿Mapuche Terrorista?, Las preguntas completas de Osvaldo Lamborghini (2016) e Selección sudamericana x la muerte (2016), algúns dos cales foron traducidos ao inglés e ao portugués. Así mesmo, expuxo o seu traballo en Arxentina, Paraguai, Cuba, México, Estados Unidos e Canadá.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Sirat
VOSG
-
-
The Last Showgirl
VOSE