Libraría

Dicir as marxes #05 con Plácido Lizancos e Íñigo Sánchez-Fuarros: «Feo ti. O útil e o bonito no patrimonio arquitectónico.»

Derradeiro encontro da actividade de NUMAX, «Dicir as marxes», o mércores 13 de novembro ás 20h. O arqutiecto Plácido Lizancos e o antropólogo Íñigo Sánchez-Fuarros clausururán o ciclo cun evento que leva por título «Feo ti. O útil e o bonito no patrimonio arquitectónico». Esta actividade está comisariada pola Libraría NUMAX e subvencionada pola Deputación da Coruña.

Fixar o valor das cousas que temos arredor é complicado. Onde alguén ve un apeiro de labranza que tirar ao lixo, alguén ve unha peza de museo. Onde alguén ve un armatoste que afea a paisaxe natural, hai quen ve un valor arquitectónico. E neses emblemáticos peches de finca feitos con somieres, hai quen ve feísmo e hai quen ve unha reivindicable práctica de reaproveitamento e autoconstrución.

Neste derradeiro encontro, partimos precisamente do conflito do concepto de feísmo para abordar a idea de patrimonio: de cara a contarnos como comunidade, é preciso explorar a fronteira entre aquilo no que nos recoñecemos fronte ao que preferimos abandonar pola consideración errada de que non ten valor ou, directamente, é feo. É preciso, polo mesmo motivo, abordar os intereses que pesan nos relatos que valoran determinados elementos a nivel histórico ou arquitectónico e rexeitan outros, como o peso dunha mirada urbana sobre o rural, ou as nocións románticas do campo, tal como o expresou o arquitecto e membro de Ergosfera Iago Carro: “a linguaxe e a ideoloxía contra o feísmo procede dun entorno urbano e vai contra un entorno teoricamente rural, que en realidade é híbrido, trasxenérico e difuso”.

Xa que logo, centrarémonos en cuestións como a casa popular en Galicia, nos elementos construtivos que a rodean, construcións vernáculas como hórreos ou palcos da festa, estes últimos deixados de lado polas políticas de protección e memoria (como é o caso tamén da arquitectura industrial). Farémolo co docente da Universidade da Coruña e arquitecto Plácido Lizancos Mora e co antropólogo e investigador Iñigo Sánchez-Fuarros, membro de Palcos, un proxecto de investigación do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC que pretende localizar, documentar, catalogar e estudar os palcos da música espallados polo territorio galego, moitos dos cales se encontran hoxe en desuso.

Plácido Lizancos (Caracas, 1962) é un cidadán arquitecto. Neto de exiliados republicanos, fillo e pai de emigrantes, a súa vida está marcada polo desenraizamento e o anhelo de pertenza. A Galicia baleirada acabou por ser o seu espazo. Doutorouse a comezos do milenio cunha tese sobre a vivenda autoproducida en Galicia: unha ollada ao que nace sen permiso mais con necesidade. Descubriu así o dereito á arquitectura, que tenta levar a espazos e colectivos mal tratados, particularmente en Mozambique. É profesor na Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña desde 1992. Dirixiu este centro entre 2019 e 2023.

Iñigo Sánchez-Fuarros (Santander, 1977) é antropólogo e investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC en Santiago de Compostela. A súa investigación céntrase na exploración das metodoloxías que integran a etnografía, a imaxe e o son como ferramentas analíticas. As súas liñas de traballo abordan as interseccións entre cultura expresiva, turismo, materialidade e procesos de patrimonialización, materializándose en Galicia a través dun proxecto de investigación centrado na cultura material das verbenas populares e o seu papel na configuración das identidades colectivas e da paisaxe cultural galega. Ademais, coordina "XEITO | Laboratorio de creación etnográfica", unha infraestrutura destinada a explorar e potenciar as conexións entre a práctica etnográfica e os diversos procesos de creación artística.