Libraría

Diego Santomé presenta o Episodio #03 de Creación Contemporánea: Do caolín de Burela ao Rosa Tokio

Abstracción posible (Offset, edición infinita), 2012

Xunto coa peza audiovisual Aproximaciones abstractas, verticales. Segunda versión, que se proxectará a partir do xoves 5 de setembro no Cinema NUMAX previa á proxección do filme Ray & Liz, Diego Santomé ocupará a vitrina da Libraría cun elemento que fala do carácter histórico deste tipo de espazos, pero tamén da súa investigación como artista. Así, o cineasta Eloy Enciso cede para este Episodio #03 o seu galardón do Boccalino D’Oro, que estará dentro deste espazo en conflito que representa a vitrina na arte. A peza cerámica, producida industrialmente, afonda tamén na idea que da título ao episodio: Do caolín de Burela ao Rosa Tokio. O martes 10 de setembro ás 20:00 agardámosvos para a presentación do episodio, coa presenza do artista e do comisario do ciclo, Ángel Calvo.

No seu libro Esculpir no tempo, Andrei Tarkovski narra a escena dun fusilamento por alta traizón. É outono e os condenados agardan fronte os muros dun hospital, entre pozas de auga. Á orde de despoxarse do abrigo e dos zapatos, un deles sepárase do grupo e procura un lugar seco onde deixar a roupa que instantes despois xa non vai precisar. A importancia do xesto define o instante, o feito de non mudar a forma de proceder malia o que é ineludíbel.

Diego Santomé (Vigo, 1966) traballa a partir de aspectos que poderían relacionarse con esa maneira de abordar o momento actual, establecendo un vínculo entre o devir utópico e o seu fracaso, así como entre a simetría estrita e a as fendas no seu equilibrio. Do caolín de Burela ao Rosa Tokio toma como referencia dous xeitos distintos de entender a produción fabril. O primeiro alude á decisión do Marqués de Sargadelos de establecer en Cervo un forno industrial para fabricar cerámica, atendendo á proximidade e calidade do caolín, así como aos mananciais de auga e aos bosques que se situaban na contorna e que proporcionarían combustible para cocer as pezas. No caso do Rosa Tokio, Santomé bota man do Pantone de pintura en aerosol co que interveu un dos seus últimos traballos vencellados co fito industrial e cultural que supuxo o proxecto de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane para a recuperación da industria de Sargadelos. Se as pinturas que Santomé realizou nos últimos anos a partir dos motivos xeométricos do Laboratorio de Formas mantiñan durante o seu proceso un vínculo co coidado e a meticulosidade á hora de proceder, a aplicación do spray no seu instante final fala do arrebato e da inmediatez non repousada que achegan outro tipo de procesos. Por isto, este Episodio de Creación Contemporánea parte dunha serie de traballos, algúns vinculados con esa investigación centrada nas premisas do Laboratorio de Formas, pero tamén co seu vínculo como artista coa cidade de Santiago de Compostela.

Documentación y apuntes, Cerámicas O´Castro (Sada), 2014

Para encaralo, a sala de NUMAX proxecta, durante a semana previa ao episodio, a peza Abstraccións verticais, un traballo producido por Diego Santomé e presentado na exposición retrospectiva Peza de esquina e outros espazos en conflito, que lle dedicou en 2014 o CGAC, e que reflexiona sobre o cinema de Norman McLaren, cuxos filmes foron programados por Luis Seoane e presentados no Museo Carlos Maside o 1 de setembro de 1971.

Xunto co filme Abstraccións verticais, Diego Santomé propón ocupar a vitrina cun elemento que fale ao mesmo tempo do carácter histórico deste tipo de espazos e da súa investigación como artista. Así, días despois da concesión a Eloy Enciso do Boccalino D’Oro outorgado pola crítica independente ao mellor director do Festival de Cine de Locarno de 2019, Santomé contactouno para proporlle unha cesión temporal do galardón e ocupar con el este espazo en conflito que aínda hoxe representa a vitrina na arte. Máis alá do xesto de ocupala cun dos múltiples galardóns que o cinema galego leva acadado nos últimos anos, o obxecto, unha peza cerámica producida industrialmente, afonda nesa idea que da título ao episodio: Do caolín de Burela ao Rosa Tokio.

Podes consultar AQUÍ Os libros de Diego Santomé, a propósito deste Episodio e descargar AQUÍ a folla de sala.

Diego Santomé (Vigo, 1966) é un artista inclasificábel dentro do panorama estatal. Xerar obras que falen de arte, pero que o fagan dende unha posición máis próxima ao social pode ser unha das vías que nos leven a comprender na medida do posible moitos dos seus proxectos. Entre os seus proxectos individuais figuran Peza de esquina e outros espazos en conflito, CGAC (2014); O Triángulo e o Ruído, Colexio de Fonseca, Santiago de Compostela (2012); Out of Nowhere, Casal Solleric, Palma de Mallorca (2011); Derecho a la pereza, Fundación RAC, Pontevedra (2010); Se ofrece artista / Esto no es una broma, MACUF, A Coruña (2007); Traballos temporais, Espazo Anexo, MARCO, Vigo (2006); A arte, se é de chocolate, mellor. A Chocolataría, Santiago de Compostela (2005) ou Making off, ARTIUM, Vitoria Gasteiz (2004). Entre as mostras colectivas recentes cabe destacar Canción de la voz florecida, Centro Cultural de España en Santo Domingo (2019); Fins i tot un paisatge tranquil, Can Felipa, Barcelona (2015); SCORE. O espazo entre imaxe e son, MARCO, Vigo (2014); Lanza una roca y a ver que pasa, La casa encendida, Madrid (2013); Marrakech Press, Les Halles, Espace d’Art Contemporain Porrentroui, Suiza (2012); The Europa Triangle, Royal Collage of Art, Londres (2012) ou Gravity & Disgrace, CGAC (2012).

Escoita aquí o podcast deste episodio.

Os Episodios de Creación Contemporánea son un ciclo que nos achega de primeira man e en primeira persoa ao xeito en que se articula e toma forma no pensamento e no taller dos e das artistas unha peza ou un proceso artístico. Esta actividade conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.