Veladas analóxicas #02 con Eduard Velasco e Xuan Bello: «Selvas, xardíns e labirintos»
A segunda conversa da actividade «Veladas analóxicas» terá lugar este venres 7 de xullo ás 20:30 da tarde e reunirá na Libraría NUMAX ao escritor e poeta catalán Eduard Velasco e co escritor e poeta asturiano Xuan Bello para falar sobre «Selvas, xardíns e labirintos». Esta actividade está comisariada pola poeta Alicia Fernández e subvencionada pola Deputación da Coruña. A entrada é libre ata completar aforo.
Eduard Velasco e Xuan Bello decidiron falar nesta segunda conversa de Veladas analóxicas sobre «Selvas, xardíns e labirintos». Pode parecer que a orde lóxica sexa pasar da selva ao xardín e do xardín ao labirinto. Na selva, porén, a lóxica non é sempre a da consciencia, nin tampouco os camiños da orde labiríntica fican fóra dela. Pode o xardín, logo, acordar a tolemia e a razón? Coma a xardineira que roza por onde custa andar e vai creando a ilusión da orde, que fai nacer da selva un espazo onde pasmar, tentaremos saír do labirinto polo que nos leve un acto tan gozosamente inútil coma o de conversar, sen máis perigo ca o dos praceres que xurdan no camiño. A actividade, que terá lugar na tarde do venres 7 de xullo ás 20:30 da tarde no espazo da Libraría NUMAX, está subvencionada pola Deputación da Coruña, e é aberta ata completar aforo.
Eduard Velasco (Barcelona, 1982) é profesor de instituto, escritor, tradutor e foi libreiro da libraría especializada en poesía Chan da Pólvora, en Santiago de Compostela. Licenciado en Filoloxía Catalá e en Filoloxía Galega, dedicouse á docencia da lingua catalá e da lingua galega, á tradución literaria e á divulgación cultural, cun interese especial sobre as relacións socioculturais entre Galicia e os Países Cataláns. Traduciu ao galego autores como Emili Teixidor, Avel·lí Artís-Gener ou Carlota Gurt; e, ao catalán, obras de Vicente Risco, Gonzalo Navaza, Ricardo Carvalho Calero, Suso de Toro, Olga Novo ou Antía Yáñez. É autor dos poemarios Ruído de trens (Espiral Maior, 2015) e O filósofo coxo (Espiral Maior, 2017), da novela Os días felices de Benvido Seixas (Xerais, 2019) e mais do poemario infantil Animalario de ler a diario con bicharía da noite e do día (Xerais, 2022). O feito de vivir alternativamente, en distintas tempadas, entre Cataluña (sobre todo no Baix Llobregat) e Galicia —con dúas incursións tamén en Lisboa e en Menorca—, xeroulle non só a consciencia de sentir as culturas ibéricas como propias senón tamén unha incertidume identitaria que lle gustaría poder explorar a través da escrita.
Xuan Bello (Paniceiros, Tineo, 1965) é un dos escritores máis destacados da literatura española contemporánea. Autor en lingua asturiana, con apenas 16 anos publica o seu primeiro poemario, escrito en asturiano occidental, Nel cuartu mariellu. Logo virán outros como El llibro de les cenices (1988), Los nomes de la tierra (1990), El llibru vieyu (1994), co que consegue o premio Teodoro Cuesta de poesía. Entre a súa obra como narrador destaca Historia Universal de Paniceiros (2002), con cuxa tradución lle chegou a fama literaria, sendo unha das publicacións máis destacadas polos críticos españois do ano 2003. No ano 2009 recibe o Premio da Crítica RPA polo seu libro de poesía bilingüe Ambos Mundos, e no 2017 foi merecedor do Premio Nacional de Literatura Asturiana pola súa traxectoria literaria. Tamén destaca como tradutor ao auturiano de autores galegos e portugueses como Alfonso Rodríguez Castelao, Álvaro Cunqueiro ou Fernando Pessoa.
Sobre a actividade «Veladas analóxicas»
Coa actividade Veladas analóxicas queremos reivindicar a proximidade espacial, o contacto fisico e poñer a palabra no centro. A proposta parte do xogo: a elección de catro persoas amigas por parte de Alicia Fernández, comisaria xunto á libraría NUMAX (Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Jesús Castro e Eduard Velasco) para que, á súa vez, escollesen a unha persoa que non coñecesen e coa que lles gustaría conversar sobre un tema. Será esoutra persoa quen continúe a partida e complete a temática da reunión con aparencia de encontro fortuíto ao que asistirá un grupo de persoas baixo unhas determinadas condicións. Na actividade participarán Elena Duque e Xiana Arias; Xuan Bello e Eduard Velasco; Marcelo Criminal e Jesús Castro Yañez; e Lara Dopazo xunto a Ángel Carracedo. Esta actividade conta co apoio da Deputación da Coruña. As conversas, que non serán retransmitidas e que non se poderán grabar, apostan por recuperar a presenza, por evitar distraccións derivadas das novas tecnoloxías, e teñen como obxectivo recuperar o acontecemento para poder lembralo, recrealo e terxiversalo.
- hoy
- Ver más