Cinema

Eloy Domínguez Serén visita NUMAX para presentar o seu filme «No Cow on the Ice»

O Cinema NUMAX recibe o sábado 27 de agosto ás 19:50 a visita de Eloy Domínguez Serén, un dos expoñentes máis importantes do Novo Cinema Galego. O cineasta de Simes (Meaño, Pontevedra) presentará en sala unha das súas últimas creacións, No Cow on the Ice, que terá súa estrea absoluta en cines o mércores 24 de agosto en NUMAX.

Premiado nalgúns dos festivais españois máis importantes de cinema de non ficción (Play-Doc, Filmadrid, L'Alternativa), e seleccionado nas seccións oficiais de Visions du Réel, Sevilla e Mar del Plata, No Cow on the Ice rexistra a emigración do propio autor a Suecia, onde desempeña varios traballos a tempo parcial mentres trata de emprender a súa carreira cinematográfica. A aprendizaxe dun novo idioma e a súa fascinación por unha paisaxe insólita convértense axiña en dous estímulos fundamentais fronte ás dificultades do seu proceso de adaptación no novo país.

En palabras de Carlos Escolano, na revista online Transit, «No Cow on the Ice está construído a base de retazos de memoria e experiencias, traxectos e desprazamentos poboados de imaxes próximas, de resonancias con outras imaxes afastadas, de palabras e utopías, de exploracións do límite e do trazo». Na súa visita a NUMAX o sábado 27, Domínguez presentará o filme, mantendo un coloquio posterior co público asistente.

Lembramos que todas as sesións de No Cow on the Ice estarán acompañadas pola curtametraxe Hacked Circuit, da cineasta norteamericana Deborah Stratman. Esta peza, seleccionada en festivais de primeiro nivel como Sundance ou Rotterdam, rexistra o traballo de dous artistas sonoros a reconstruír os efectos de son de La conversación de Coppola. Con esta curtametraxe damos continuidade ao traballo de programación conxunta do Cinema NUMAX con Curtocircuíto. Festival Internacional de Cine.