Libraría

O poeta Estevo Creus presenta «A cidade oculta» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle este venres 17 de decembro a presentación do poemario A cidade oculta de Estevo Creus, editado por URUTAU. A presentación, que será ás 20:30h da tarde consistirá nun recitado poético do autor, con música ao vivo a cargo do compositor Benxamín Otero e unha charla conducida polo poeta e editor Eduardo Estévez.

 

A cidade oculta, o poemario de Estevo Creus fala, entre outras cousas, do territorio como corpo, da memoria coma especie, e sobre todo, da imposibilidade de fuxir do golpe. Tamén fala do amor, ou o amor fala nas súas páxinas. En palabras da poeta Cynthia Menéndez  “este libro é un mapa ou un artificio, un amante preciadísimo que recala nas tabernas e nas camas de domingo porque morrer é alonxarse do peso das cousas e os corpos procuran cómplices para seren máis livianos”. Na presentación, que terá lugar o venres 17 de decembro ás 20:30h da tarde, contaremos co autor Estevo Creus, o músico Benxamín Otero e poeta e editor Eduardo Estévez.

Para asistir ao acto é preciso reservar praza no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Estevo Creus Andrade (1971) non distingue a xeografía, do seu corpo. Non distingue o eu do nós. Non pode separarse do animal que axexa. A ferida é unha fenda nun cantil.

A memoria

o bruar da  vaca de Fisterra

contra a néboa.

A palabra coma enemiga.

Ten publicados numerosos libros e participado en numerosas accións poéticas.